Opinión

Sempre marxinados, sempre agradecidos

A primeira liña ferroviaria construída no Estado español foi a de Barcelona a Mataró no ano 1848. A liña A Coruña-Santiago completouse en 1943, o tramo Puebla de Sanabria-Ourense en xullo de 1957, en 1958, 110 anos despois de que se puxese en marcha o primeiro camiño de ferro, completouse a conexión ferroviaria da meseta con Ourense e Santiago. Por descontado o “histórico” acontecemento celebrouse ao grande. Máis vale tarde que nunca.

Cando o Estado constrúe a transcantábrica, a autovía, contra toda lóxica, non se prolonga até Ferrol. A autovía Santiago-Lugo, 21 anos despois de ser anunciada por Aznar, segue sen rematar. E así sucesivamente. Se un se molesta en recorrer ás hemerotecas, terá doado comprobar a longa viaxe percorrida para rematar as autovías de conexión da Galiza coa meseta. Só lembrar que a A-6 conclúe no ano 2002, moitos anos despois de que a maior parte do territorio do Estado contara cunha rede de autovías. Tamén se celebrou como histórica. Máis vale tarde que nunca.

No desenvolvemento económico de calquera territorio, aínda que non só, ten moito a ver contar con boas infraestruturas viarias

No ano 1992 rematou a construción da primeira liña de AVE, Madrid-Sevilla. Nada menos que 30 anos despois, daquela maneira, as présas, con varios km. por rematar, dan por inaugurada a conexión Madrid-Ourense. Polo medio mil promesas incumpridas, como noutras infraestruturas viarias, dos gobernos PP e PSOE. O famoso pacto do Obradoiro asinado entre Feijoó e o ministro Blanco que prevía o remate das liñas AVE en 2015 como última burla da que ninguén quere xa lembrarse. Mais outra vez outra celebración, de novo máis vale tarde que nunca.

No desenvolvemento económico de calquera territorio, aínda que non só, ten moito a ver contar con boas infraestruturas viarias.

Especialmente importante son os camiños de ferro, un medio de transporte máis económico, ecolóxico e social. Persistir en non querer ver, en negar a evidencia, de que existe un modelo de Estado que comparten PSOE e PP que prima o desenvolvemento das vías de comunicación e, xa que logo, do desenvolvemento económico duns territorios fronte a outros e no que Galiza é claramente discriminada, non fai máis que contribuír a perpetuar a nosa marxinación. Admitir como normal que a modernización das infraestruturas necesarias para o noso país ou non se fagan, ou as que se fan se demoren perante anos, non só é de parvos útiles, é letal para os nosos lexítimos intereses. Só dende a idolatría cega a San Madrid ou dende estómagos agradecidos coas migalla que caen da mesa do santo é posible celebrar que as nosas necesidades nunca sexan prioridade para o Estado español, permanecer no furgón de cola do desenvolvemento. 

Xa sei que case ninguén o recoñecerá, mais convén lembrar que xustamente foi e é o nacionalismo, consciente da discriminación que para a Galiza supón ese modelo de Estado, quen lle fai fronte. Foi o BNG quen denunciou persistentemente o atraso na construción das autovías, foi o BNG quen se ergueu contra o abandono dos camiños de ferro, quen promoveu o acordo do Parlamento galego a prol da súa modernización no ano 1995, liñas interiores e conexión con Portugal incluídas, e persistiu na denuncia e a esixencia durante anos e anos.

Como agora é quen segue a levantar a voz esixindo investimentos elementais nunca atendidos polo Estado. Dende a liña Ferrol-A Coruña, as conexións de Lugo, de Vigo-Ourense ou con Portugal.

Xa sei que case que ninguén o recoñecerá, mais convén lembrar que xustamente foi e é o nacionalismo, consciente da discriminación que para Galiza supón ese modelo de Estado,  quen lle fai fronte

O AVE chegou, con moitos anos de atraso e daquela maneira perto de Ourense. Vale, sen máis. Nada que agradecer, moita débeda que esixir a un Estado que claramente nos discrimina. E quen sexa leal ao país no canto de contribuír a ocultar a realidade debería sumarse, tomar posición a favor do que en xustiza nos pertence.

Ana Pontón acertadamente cualificou a chegada do AVE como a “crónica dunha discriminación” con Galiza. A valoración da líder da oposición mereceu na mediática un par de liñas escondidas. Para o poder, tamén o mediático, mellor que nada empane tan “histórica celebración”. Mellor sempre agradecidas e agradecidos. Así nos vai.

Comentarios