Opinión

2014, un ano de reivindicación feminista

Comeza un novo ano e o debate sobre a reforma da lei do aborto será un dos temas centrais do debate social e político despois de o goberno...


Comeza un novo ano e o debate sobre a reforma da lei do aborto será un dos temas centrais do debate social e político despois de o goberno de Mariano Rajoy pór riba da mesa un anteproxecto que elimina a liberdade de elección das mulleres para decidiren se/cando quixeren ser nais. O tema non é menor, pois ten moitas e moi variadas repercusións nas nosas vidas, nas vidas do conxunto da cidadanía, non só das mulleres, nin tan sequera do grupo de mulleres que puideren ter que tomar unha decisión ao respecto.  

"Estamos a falar dunha privación de dereitos necesaria para o sistema, útil no modelo económico que se deseña, central na perda de dereitos democráticos e no control de corpos e... mentes"

O simple feito de introducir este debate neste momento non pode separarse dunha longa tentativa de reforzar vellas e rancias concepcións sobre os papeis que mulleres e homes han de cumprir na sociedade. Hai quen pensa que se trata de manobras de distracción sobre os problemas reais da sociedade actual. Moi ao contrario, estamos ante unha peza dunha engrenaxe precisa para este sistema e nesta conxuntura actual, perfectamente integrada nunha xa moi longa ringleira de normas para destruír as conquistas sociais co obxectivo de consolidar algúns retrocesos de maneira definitiva. Non é, pois, un aspecto marxinal, non se trata unicamente dunha  concesión aos ditados dos sectores máis reaccionarios da Igrexa, institución contra a que ás veces diriximos todos os dardos posíbeis, secundarizando as responsabilidades políticas. Estamos a falar dunha privación de dereitos necesaria para o sistema, útil no modelo económico que se deseña, central na perda de dereitos democráticos e no control de corpos e... mentes.

A volta aos valores tradicionais é unha obsesión da dereita, que vén observando con pavor as consecuencias dunha toma de consciencia sobre a dignidade de todos os seres humanos. Para alén da aposta pola segregación por sexo nas aulas, o grao máximo desta ofensiva está na eliminación da posibilidade de se beneficiaren lesbianas e mulleres soas da reprodución asistida. Até aí poderiamos chegar, fillas e fillos sen pai, por elección, e na Sanidade pública!, co tratamento dun dereito, non como unha excentricidade na marxe das doenzas. Está, pois, en xogo o longo camiño de tentarmos, xa demasiado paseniñamente, que se recoñezan como políticas e públicas algunhas cuestións reservadas tradicionalmente ao ámbito privado, tamén a violencia contra as mulleres, con renovadas xustificacións e argumentos moi perigosos (a crise, demasiada liberdade, a desestruturación social, agora as mulleres non aguantan nada...)

"O grao máximo desta ofensiva está na eliminación da posibilidade de se beneficiaren lesbianas e mulleres soas da reprodución asistida"

Mais tamén esta nova lexislación afonda nas desigualdades sociais, recupera a fenda existente entre aquelas mulleres que poden desprazarse e acudir a outros lugares e as que terán que se conformar con prácticas clandestinas e riscos para a súa saúde e a súa vida. Resulta dunha indignidade escandalosa tomar esta decisión con todos os datos que posuímos e que demostran que non se reducirán os abortos, senón que se producirán fóra ou en peores circunstancias. O fío de relación co intento da dereita de librarse de ver pobres ou músicas/os nas rúas convértese nun groso adival. E a crueldade tórnase evidente ao teren as mulleres que se desprazar a espazos alleos, moitas veces en soidade, a agrandar a idea do delito de ser muller, invisíbel, ilegal.

Esta proposta lexislativa suporá unha modificación substancial das condicións de vida de moitas mulleres, o regreso ao medo, a sermos cidadás de segunda e a nós propias nos responsabilizarmos das discriminacións existentes nun sistema patriarcal que o feminismo denuncia na súa cerna máis profunda. Ataca radicalmente a idea de actuarmos como suxeitos libres.

"Afonda nas desigualdades sociais e recupera a fenda existente entre aquelas mulleres que poden desprazarse e acudir a outros lugares e as que terán que se conformar con prácticas clandestinas"

Por iso este é un momento óptimo para facermos realidade ese desexo de se sumaren ao feminismo moitas voces, masculinas e femininas, que teñen que aprender a partillar o común de todas as reivindicacións das diferentes formas de practicar e de conceptualizar o feminismo. Porque non só se trata de saírmos á rúa a defendermos o dereito a decidir para as mulleres. De feito, hai mulleres que non van ter que se someter a un aborto por diferentes razóns e mesmo existen as que queren ter ese dereito sabendo que a súa decisión basculará cara ao non. Mais a opción ten de existir. Está en xogo moito máis que o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo, a súa maternidade e os momentos para ela (de incluíren esa posibilidade como opción), que non é pouco. Está enriba da mesa unha involución que pretende mudar este modelo para asentar definitivamente un sistema baseado en profundas dominacións (de clase, de xénero, de territorio, de lingua...) cuxos obxectivos principais son incluír cada vez máis xente no caixón de persoas oprimidas, desarticular as loitas colectivas a través do sometemento, da resignación, do silencio e dun empeoramento substancial das condicións de vida da inmensa maioría da poboación.

Velaquí unha potente razón para todas as persoas daren un paso e procurar pórse na pel das outras e para, por unha vez e para sempre, atreverse a procurar a identificación no diferente. En máis dunha ocasión, despois de lles entregar a algúns homes para ler en actos públicos poemas con voces de mulleres disidentes, houbo algúns que me solicitaron poder ler textos distintos, por non se identificaren con eles (no caso de Rosalía -que alguén podería citar como exemplo contrario- iso rómpese, porque aínda tendo unha actualidade que estremece, ao coñecermos os textos facemos inmediatamente un exercicio de evocación ao pasado, distanciámonos). 

"Está en xogo moito máis que o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo, a súa maternidade e os momentos para ela"

Xulgo que hai veces en que, a pesar de partillaren o espírito xeral das protestas, existe un grupo importante de persoas (homes e mulleres) que fican na casa nas convocatorias feministas tamén por non se identificaren con todas as consignas que alí se escoitan e pensar que se trata de loitas parciais. Non se decatan de que outras que estamos alí tamén podemos non partillar completamente todos e cada un dos lemas e que o feminismo, por fortuna, goza de moita heteroxeneidade no seu interior. Respectar (e fomentar) a diversidade foi sempre unha máxima dese movemento complexo e ateigado de matices. O feminismo non pode domesticarse porque as lentes violeta mudan de maneira radical o noso xeito de percibir a realidade. A súa capacidade de provocación e de chamamento á acción directa é perfectamente conciliábel co recoñecemento de precisarmos reforzar as perspectivas colectivas, xustamente para garantirmos que estamos na mesma loita global, no mesmo proceso de insubmisión. 

Para alén da valentía de grupos de cristiás de base que se opoñen con forza a esta decisión do PP, este ano 2014 ten de ser o ano en que o feminismo traduza a potencialidade da súa enerxía transformadora nun incremento moi significativo de voces a reclamaren na rúa dereitos e liberdade. Porque non só vai con elas, coas mulleres que deben posuír o dereito a tomaren unha decisión sobre abortar ou non nos próximos anos. Vai connosco, con todas as persoas que non a teremos que tomar. Porque queremos vivir nun mundo libre e xusto e sabemos que iso só será posíbel no escenario non patriarcal que continuaremos a construír.

Comentarios