domingo 20/09/20

Saúde nacional

A multitudinaria marcha nacional de protesto do domingo pasado convocada pola Plataforma Sos Sanidade Pública fechaba un novo ano inteiro cheo de despropósitos e ataques privatizadores ao noso sistema público de saúde. Mais tamén se estaba a pór o ramo a doce meses de continuas greves e paros no sector sanitario, ben como de constantes mobilizacións cidadáns por toda a xeografía galega.  Sobrecarga crónica nos servizos de atención primaria dos centros de saúde, novo paso na privatización do sistema permitindo a venda de POVISA a unha empresa estadounidense con conexións coa que xestiona o semiprivatizado Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, esperpéntica historia da sala de partos de Verín reconquistada a pulso polas usuarias, desmantelamento dos hospitais comarcais ou escaseza de pediatras son boa mostra de que a sanidade pública galega está doente, e que só o bon traballo e dedicación dos seus profisionais a manteñen viva.

Así e todo, a masiva resposta cidadá nas rúas de Compostela, aínda que esperada, continua a surprender positivamente pola súa contundencia e perseveranza ano após ano. Nunha Galiza que ás veces parece ter abandonado as funcións de defender os seus intereses, o país oferece en febreiro un raio cheo de esperanza no medio da invernía. Non é de estrañar, portanto, que mesmo os medios de comunicación estatais, canles de televisión incluídas, poñan en destaque a mobilización nas portadas dos seus boletíns ao par do principal foco de actualidade no campo da saúde, o do coronavirus. Os media madrilenos parecen ficar desconcertados por estes sinais vindos do “Noroeste”, aínda que sintan que algo se está a mover, pois ese non é o único que lanzamos recentemente.

É ben certo que, así como o noso sistema sanitario está constantemente sofrendo ataques que o queren levar á súa privatización para pólo en mans do capital transnacional, a nosa saúde como pobo tamén adoece co proceso insistente e implacábel de desnacionalización que pretende anulalo para acabar de o disolver e de o entregar a intereses foráneos. Mais tamén é verdade que respostas cidadás como estas, como as dadas á situación da nosa lingua, á situación da nosa industria, das nosas rías ou do noso rural, mostran que, fronte á imaxe dunha Galiza doente, submisa e chea de auto-odio, que tamén existe, o país mantén aínda as súas constantes vitais e só precisa dunha boa reanimación para recuperar a súa saúde nacional.

comentarios