domingo 25/10/20

Militares, para que?

Día após día chega ás nosas casas o relatorio audiovisual sobre a pandemia que nos asola. A información sanitaria é nestes momentos vital e, cos seus erros e contradicións, os responsábeis técnicos de saúde esfórzanse por manter a cidadanía a par dos acontecimentos, cifras e recomendacións. Até aquí todo ben; intencións mesmo loubábeis. Mais a cousa non fica por aí. Porque logo a seguir fan uso da palabra os chamados corpos e forzas de seguridade do estado para nos referir, na maioría dos casos, pequenas anécdotas que, pola súa entidade, non merecerían máis do que un espazo no apartado de noticias breves de calquera medio de comunicación. Certo que, ás veces, nos enumeran os servizos extraordinarios que están a prestar. Porén, en primeiro lugar, moitos deses servizos, como poden ser os de desinfeccións, tamén o están a realizar, e de forma máis extensa, empregados municipais, grupos de protección civil, brigadas anti-incendios ou mesmo labregos cos seus tractores. E en segundo lugar, hai outros colectivos de empregados públicos que están a dar todo, até a propia vida, por nos salvar, mais nen por iso teñen unha presenza directa nas comparecencias públicas, pois xa están representados polas persoas que dirixen os correspondentes ministerios. E militares, gardas civís e policía teñen ministra e ministro por cima. Ou, se callar, iso é só na teoría. Na práctica xa vemos que non.

É evidente que o goberno español optou propositadamente por militarizar esta crise de saúde e apresantala, do punto de vista da estratexia comunicativa, como unha guerra, cuns obxectivos que van alén da erradicación deste letal andazo. No entanto, con toda certeza, non estamos perante un confronto armado, nen perto nen lonxe, por máis que axiña se reabra novamente a guerra comercial ou que o neoliberalismo estexa xa a dar a batalla contra as reforzadas ansias e razóns por derrubalo. Non tal. A inxustificada presenza diaria de mandos do exército, garda civil e policía española agocha unha axenda oculta que visa fortalecer a centralización do estado, anular as identidades nacionais valéndose do aumento do españolismo –como xa observado por estudos demoscópicos–, branquear a súa antidemocrática actuación no conflito catalán e lembrarnos que os privilexios duns poucos, simbolicamente representados pola monarquía, están ben defendidos contra a eclosión da vontade democrática popular. Na máis pura tradición española.

comentarios