venres 26/02/21

Jacinda Ardern de Atearoa

O pasado sábado consolidouse o liderado de Jacinda Ardern en Atearoa, “a terra da longa nube branca”, nome que os colonizadores europeus viraron en Nova Zelandia. Os medios internacionais puxeron en destaque que a súa vitoria por goleada ten moito a ver coa xestión da crise sanitaria provocada pola covid, derrotada en dúas ocasións. Ardern reaxiu con decisión e rapidez e foi pioneira no que agora é un modelo global de boas prácticas fronte á pandemia: confinamento, probas, rastrexo e posta en corentena. E fíxoo con determinación, facendo ver que colocar a saúde e o benestar do seu país como prioridade é a mellor maneira de trabar o impacto económico negativo, dando así unha lección a medio mundo. No entanto, o seu non é apenas un liderado baseado na xestión sanitaria e económica, mais nun novo estilo de facer política fundamentado no feminismo, a empatía, a comprensión, a confianza e a cooperación, fronte aos enfoques individualistas, que son incapaces de derrotar pandemias, mudanzas do clima, colapso ecolóxico, desigualdade ou autoritarismo neofascista.

A primeira ministra neozelandesa está certamente a demostrar que, fronte ao chamado “liderado mundial” alicerzado en proxectar poder, “gañar a guerra contra o terrorismo”, construír unha xigantesca máquina de matar con drones e en, definitiva, perpetuar a explotación, a crueldade e a violencia, do que se trata é exactamente do contrario. De contribuír a crear unha sociedade capaz de se xuntar, cooperar e elevar o seu propio nivel de vida, onde as ideas da dignidade, a liberdade e a xustiza non se vexan como luxos, senón como necesidades. De investir máis en ter unha sociedade igualitaria, onde uns poucos non naden na abundancia e moitos teñan que se enfrontar á viciosa espiral da pobreza, a desesperación, a ignorancia, o fascismo e a ruína.

E aínda, ese enfoque de cooperación e tolerancia fixo que o novo parlamento de Atearoa sexa o máis inclusivo e diverso de toda a súa historia, en termos de xénero e representación étnica e indíxena, con 16 representantes dos maorís, quen aínda sofren discriminación en comparación cos Pākehā, os neozelandeses de orixe europea. No entanto, a Te reo Māori, ou “visión do mundo maorí”, até hai pouco sob ameaza de morte, está a viver un rexurdimento no país, cun interese crecente en estudar e falar o idioma propio. A propia Ardern marcouse como obxectivo que en 2040 un millón de cidadáns o falen.

comentarios