Opinión

A xustiza que non chega

O pasado 22 de setembro finou na súa casa de Waterloo, provincia canadense de Ontario, o cidadán Helmut Oberlander. Tiña 97 anos de idade e no momento último estivo rodeado dos seus seres queridos. Persoa caritativa e amoroso home de familia, Oberlander casou con Margret, tivo dúas fillas e acadou unha acomodada vida grazas ao seu próspero traballo no sector inmobiliario. A súa orixe lévanos ata a actual Ucraína, en concreto á cidade de Halbstadt, onde naceu en 1924. Trinta anos máis tarde trasladouse a Canadá, obtendo a nacionalidade do país norteamericano en 1960. Así transcorreu a súa plácida e confortábel existencia até 1995, cando a Policía Montada do país norteamericano deu comezo unha investigación sobre o seu pasado nazi.

En realidade, todos coñecían a pertenza de Oberlander a unha unidade especial integrada por SS, un einsatzkommando que asasinou a milleiros de homes, mulleres, anciáns e nenos entre os anos 1941 e 1943 mentres o Exército alemán avanzaba por territorios da extinta Unión Soviética. Si, porque o honorábel cidadán canadense Oberlander tiña 17 anos cando decidiu alistarse ás SS Einsatzgruppen, a elite do crime nacionalsocialista, e percorrer Lituania, Ucraína e outros lugares conquistados para sementar barbaridades que escapan a nosa racionalidade humana. Resulta recomendábel a lectura do traballo asinado por Richard Rhodes publicado en 2003 polo selo Seix Barral; o seu título, significativo, condensa todo o horror que alí atoparemos: Amos de la muerte: los SS Einzatzgruppen y el origen del Holocausto.

Por desgraza, Oberlander non foi un caso excepcional. O historiador Howard Margolian calcula que uns 2.000 criminais nazis chegaron a Canadá tras a Segunda Guerra Mundial, nunha pingueira que continuou toda unha década. Así, o antigo SS Vladimir Katriuk morreu sen ser molestado en Quebec a piques de cumprir 94 anos, mentres un garda do campo de concentración de Trawniki (Polonia) de nome Wasyl Odynsky, 90 anos, finaba en Ontario tranquilo e con amnesia inducida. O primeiro deles nunca compareceu en sede xudicial. Odynsky obtivo o respaldo dun tribunal cando se xulgaba a retirada da súa cidadanía canadense e a súa posíbel deportación para responder polos crimes do pasado.

Vinte e un anos atrás, no 2000, un xuíz tentou anular a cidadanía a Oberlander baixo a acusación de cómplice na brutalidade exercida pola unidade na que estaba integrado. Malia recoñecer que non existían probas sobre a súa participación nos masacres, o maxistrado Andrew MacKay tentou retirarlle a Oberlander o seu escudo protector e sostivo que o antigo SS mentira na súa declaración sobre o seu pasado cando entrou en 1954 en territorio canadense. Entón, a filla do ucraíno sinalou: “Meu pai foi un cidadán responsábel e respectuoso coas leis deste país, creou moitos empregos e contribuíu á comunidade”. Os avogados fixeron o resto e a decisión do xuíz foi revogada en tres ocasións. Oberlander era un home de honor.

Malia todo, a Suprema Corte de Canadá cancelou a cidadanía do noso protagonista en setembro de 2018. Con tal medida, a deportación de Oberlander estaba servida. Unha vez máis, o seu “delicado estado de saúde” esgrimido polos avogados xogou un papel fundamental para exculpar ao investigado e o final da historia deste criminal antisemita xa o coñecedes. Así remata outro capítulo de abuso obsceno do sistema xudicial, neste caso canadense, amosando unha parodia de xustiza e demostrando a infinita vergoña dun país que se proclama civilizado e democrático.

O peor, cabe concluír, non reside na falla de arrepentimento polos crimes cometidos nin na carencia de cristiá contrición polos pecados pasados. Tampouco a inexistencia de solicitudes de perdón ou de recoñecemento das atrocidades levadas a cabo en nome do nazismo podemos consideralos actos patéticos de traxedia inhumana. O dramático e vergoñento defínese en termos de xustiza incapaz, afastada dos valores que debería defender e aplicar por riba de consideracións absurdas, miserábeis e ruíns. A xustiza que non chega representa a peor das inxustizas.

Comentarios