Opinión

O mellor libro de historia

A editora Blume publicou o pasado 2021 un atraente libro de historia contemporánea universal. Non é un manual ao uso: carece de índice xeral, así como de notas ao pé de páxina, non hai citas textuais, por ningún sitio atoparemos gráficos ou cadros estatísticos, tampouco referencias bibliográficas, non hai conclusións. A obra titúlase Violencias, mulleres, guerras e o seu autor, Gervasio Sánchez, non é historiador, senón un xornalista e reporteiro gráfico premiado en múltiples ocasións que nas súas entrevistas e aparicións públicas foxe da compracencia, dos tópicos mil veces repetidos e dos discursos ambiguos.

Así, cando en 2009 lle foi concedido o Premio Ortega y Gasset de xornalismo, no discurso pronunciado ante a concorrencia -varios ministros incluídos-, ao recoller o galardón exclamou: "É verdade que todos os gobernos españois desde o inicio da transición encabezados polos presidentes Adolfo Suárez, Leopoldo Calvo-Sotelo, Felipe González, José María Aznar e José Luis Rodríguez Zapatero permitiron e permiten as vendas de armas españolas a países con conflitos internos ou guerras abertas (...)". O seu relato non foi publicado por ningún medio de comunicación, incluso El País (organizador do premio) abstívose de facelo.

Violencias, mulleres, guerras describe a través de case duascentas fotografías máis dunha vintena de conflitos armados, ditaduras militares ou crises humanitarias onde as mulleres son as involuntarias protagonistas. As imaxes foron tomadas en diferentes países africanos, latinoamericanos, asiáticos e europeos. A fotografía máis antiga foi realizada en outubro de 1984, en Guatemala, e a máis recente en xuño de 2007, fronte ás costas de Libia. Pero por que mulleres? Pois porque ata entre as vítimas das guerras hai clases.

Aínda que todas son prexudicadas, non é o mesmo ser home ou muller en períodos bélicos, de fame ou crises humanitarias. Xunto á inxustiza común e compartida entre uns e outras, no caso das mulleres aparece un novo chanzo na carreira do horror xerado pola actividade armada: a escravitude sexual, utilizada desde sempre por combatentes de todas as cores e crenzas. Engadamos para pechar o círculo desta tolemia a prostitución forzada e a peor de todas as violencias, a máis humillante: a violación. Usada como arma de guerra, todos os actores dos conflitos utilizárona, chámense soldados gobernamentais, policías, paramilitares ou guerrilleiros.

Por iso Gervasio Sánchez incide en poñer as mulleres no foco dos desastres provocados polas confrontacións armadas. E por iso retrátaas. O uso da violación como arma de guerra en Bosnia-Hercegovina, Serra Leoa, Colombia, Guatemala, Chile, Perú, O Salvador, Angola, Iraq... foi unha práctica constante. Importan as vítimas pois falamos de crimes de lesa humanidade. Iso é o que retrata Gervasio Sánchez nunhas fotografías que invitan á reflexión. Xunto a elas, uns breves comentarios recórdannos que Angola é un dos países máis minados do mundo, que trinta Estados "civilizados" venderon armas ás diferentes faccións que loitan en Sudán, que a guerrilla da Fronte Revolucionaria Unida de Serra Leoa xeneralizou a amputación de mans e pés dos civís indefensos, que en Camboxa hai un lesionado vítima das minas por cada 236 habitantes, que algo máis de tres mil chilenos están desaparecidos debido aos crimes da Xunta Militar presidida por Augusto Pinochet, que a tortura e a violación eran actos habituais no réxime de Sadam Hussein, que en Srebrenica executaron a case dez mil homes, mulleres e nenos que estaban baixo protección de forzas militares da ONU, que no Salvador os escuadróns da morte asasinaron a máis de vinte mil cidadáns entre 1979 e 1984...

Por todo iso e moito máis, estamos seguros ao afirmar que Violencias, mulleres, guerras é un gran libro de historia. Non académica, pero historia ao fin de contas...

Comentarios