Opinión

Tres observacións

O debate político español, co gallo do intento de investidura de Feixoo, está a evidenciar, ora un descaro absoluto para manipular o concepto de democracia, mesmo en parámetros da actual Constitución española, ora a indisposición a enfrontar os medos e atrancos que impiden buscar solucións reais á crise do modelo constitucional. Predomina o debate de curto prazo e o xogo táctico de alianzas para lograr o Goberno. A miña primeira observación constata: quen máis defenden a Constitución como unha norma sagrada, máis se aprestan a contradicir os principios dunha democracia parlamentaria como a española. Arróganse ter gañado as eleccións e seren maioría, desprezando a evidencia de careceren dela no Congreso dos Deputados, onde se dirime legalmente quen é investido como presidente do Goberno. Son as maiorías parlamentarias as que elixen quen vai gobernar. Elas representan, ademais, con maior fidelidade a maioría social dos votantes. O partido máis votado pode non ter nin maioría de deputados e deputadas nin maioría de votos. Porén, non hai empacho algún en deslexitimar a esencia da democracia parlamentaria española. Sen dúbida, fano para atacar a formación de maiorías parlamentarias, estábeis ou conxunturais, cos partidos nacionalistas, que os priva do acceso ao Goberno. Tanto ten que eles mesmos non agochen que, na procura de acordos con eses partidos para poder gobernar, fracasaron por causa precisamente das súas políticas abertamente agresivas coa diversidade nacional, cultural e lingüística do Estado español.

A miña segunda observación ten a ver coa esquerda española que aspira a ter a presidencia do Goberno. Foi sorprendente a non intervención do Presidente en funcións, que aspira a ser investido de novo, no debate do falido intento de investidura de Feixoo. Que mellor ocasión para defender as razóns e a necesidade de conceder unha amnistía aos penalizados do procés catalán! Sabe que a posíbel concesión dunha amnistía é motivo de axitación e intoxicación social, en base a prédicas de odio, vinganza e castigo contra os cataláns, considerados como delincuentes por atentaren contra a unidade de España. Non é boa a táctica do avestruz. Cando menos, tería que ser consecuente coa súa tese, realmente certa a curto e medio prazo, de que é o camiño para pacificar Catalunya e crear unha dinámica política de integración no Estado español. Por certo, obxectivo que a outra póla bipartita di perseguir tamén, á súa maneira, polo que se ve, continuando coa aplicación penal expeditiva. A amnistía non representa ningunha ameaza para o réxime, a non ser que algúns poderes, mesmo do aparato do Estado, se empeñen non só en desbotar reformas, senón en exercer a subversión contra leis aprobadas no Congreso dos Deputados, que, en nada, contraveñen a súa Constitución. A miña última observación. Nótase verdadeiro interese, por parte da bipartita españolidade, cada unha á súa maneira, por intentar convencer os galegos e galegas da irrelevancia do nacionalismo galego á hora de poder condicionar o Goberno posíbel. Non somos vascos nin cataláns. Non debe ser tan irrelevante cando tanto se empeñan neste menosprezo. Que cómodos se sentirían sen a presenza nacionalista galega alí! O rostro de Feixoo ouvindo e contestando a Rego foi expresivo. A nosa función dentro do deseño español é dura de mudar, si. Porén, a aspiración a logralo é a que fai que Galiza exista. De non estarmos alí, como sería?  

Comentarios