Opinión

Sobre nós mesmos

Lendo unha información xornalística sobre a chegada do cadáver de Curros á Coruña e as homenaxes que se lle fixeron ao poeta morto a comezos do mes de abril de 1908, reavivouse en min a cavilación sobre as causas e consecuencias de certas dinámicas políticas en Galiza. O día 1 de abril de aquel ano unha impresionante manifestación popular, posibelmente das maiores, en termos relativos, acontecidas na cidade, recibiu e acompañou o cadáver até o concello. A redacción de La Voz de Galicia, aproveitando a presenza de Alfredo Vicenti, un político e xornalista galego en Madrid, director de El Liberal, desprazado para participar na homenaxe a Curros, organizou un banquete na súa honra o 3 de abril polo mediodía, o mesmo día en que, pola noite, se celebraba a velada en honor ao poeta morto no Teatro Principal. Vicenti, home moi intelixente desde logo, coñecera Rosalía e Curros persoalmente, e sabía do valor da obra de ambos e do seu significado. Non era unha persoa convencional. Arriscou, sendo mozo, en combates xornalísticos na Galiza, a súa seguridade e o seu porvir, e acabou, case como unha especie de desterrado, chegando a ser un galego importante na Corte de España, enleado na dinámica política estatal e ao seu servizo. Porén, sabía o que había e de que se trataba. Na súa intervención no banquete afirmou, falando español, sobre Curros: «Homes así honran as nacións e, ao dicir «nacións», non teño inconveniente en falar da nación galega». Alí mesmo, Lugrís Freire, empeñado en articular un potente sindicalismo agrario, usando o galego, cualificou Curros como poeta dos labregos galegos.

Esta dialéctica de dependencia madrileña en contraste co afán pola auto-organización e decisión propia, sempre coa hexemonía da primeira, a través dos galegos triunfantes en Madrid, caracterizou a nosa vida política até hoxe. Ben é certo que boa parte dos galegos á española  do primeiro terzo do século XX, malia o seu control caciquil do país ao servizo de España, eran máis cultos e mesmo conscientes do valor da súa relación con Galiza que os de agora. Garantían o control dun país diferente, cunha base demográfica e electoral potente e unha potencialidade económica e política que non ignoraban, malia optaren por ser os intermediarios da dependencia. Os de agora padecen unha ignorancia sobre a historia e as potencialidades de Galiza que mete medo, converténdoa só en trampolín das súas ambicións persoais. O seu lema descarnado é o ben de España, para triunfaren na Corte e ao seu servizo, dentro do contexto da perda de peso electoral de Galiza e de maior interiorización da mentalidade de que, por nós mesmos, non somos quen de nada. A súa obsesión e obxectivo é impedir que o nacionalismo avance na Galiza. En contraste co pasado, hoxe ten maior organización e relevo político que nunca, embora nunha atmosfera onde todo conduce á ausencia do país como referente político prioritario para a maior parte da sociedade galega. Eis o problema, a mancadura máis grave que temos como pobo, que as forzas sucursalistas, á esquerda e á dereita, se empeñan en cavar fondo. Ás nosas últimas contribucións individuais á españolidade, de dereitas e de esquerdas, con centro en Madrid, éncheselles a boca coa palabra España. Sen dúbida, necesitamos políticas que teñan como horizonte exclusivo, tamén vital,  o propio país.

Comentarios