Opinión

Sen nostalxia

Non gosto nada de tratar cuestións que poidan estar relacionadas coa miña experiencia biográfica, mesmo sendo abertamente políticas. Nesta ocasión vouno facer en atención a que o contexto require refrescar a memoria sempre tan fráxil e escorregadiza no caso galego cando se tratar do que nos afecta como pobo. Estes días vimos como, no Congreso dos Deputados, ERC e Junts lograban formar grupo parlamentar propio, malia non cumpriren estritamente as condicións do regulamento, grazas ao pacto acadado coa esquerda española gobernante, que lles prestou catro deputados. En efecto, de se cumpriren algúns requisitos e faltaren outros, se hai boa vontade, ditada pola convicción, o interese ou a necesidade, sempre pode haber interpretacións que o favorezan. Non é de agora. Hai antecedentes en varias lexislaturas. Tamén se deron exemplos de interpretación estrita do regulamento para impedilo. Posibelmente non se lembre xa que, na lexislatura que comezou en 2000, a Mesa do Congreso, controlada pola maioría absoluta do PP, rexeitou a posibilidade de o nacionalismo galego contar con grupo parlamentario: 307.000 votos, tres deputados e máis do 15% nas catro circunscricións nas que se presentou e tamén no conxunto da denominada Comunidade Autónoma de Galiza, contando ademais co préstamo dun deputado do PNV e outro do CIU, para seren cinco. En contraste, concedíallo a Coalición Canaria, coa cesión dun deputado de UPN para reunir o requisito dos cinco deputados. Realmente, foi unha arbitrariedade ditada pola animadversión contra unha forza política que, para alén de expresar unha visión antiimperialista do mundo, simbolizaba a especificidade do pobo galego, canto máis insignificante e inexistente mellor. Xa cando chegou o BNG en 1996, o grupo maioritario no Mixto, seguindo o regulamento da Cámara no reparto do tempo para intervir na investidura de Aznar, aceptado polas catro forzas nel integradas e polo presidente do Congreso, F. Trillo, correspondéronnos 16 minutos de 40. Cando apenas levaba oito minutos falando, Aznar comezou co dedo polgar a facer indicacións a Trillo, que correspondeu advertíndome que debía acabar pois estaba esgotado o tempo. Malia as continuas advertencias, logrei ocupar o tempo regulamentario pactado. Non eramos do agrado e todo parecía valer.

Ese mesmo ano, ao inicio da lexislatura, unha delegación do BNG (Beiras, e os deputados eleitos Vázquez e Rodríguez) entrevistouse cos directores de El Mundo e El País. Ficou no primeiro caso unha imaxe gravada na miña retina. Recibiunos Pedro J. Ramírez, sentado nunha cadeira só fronte a nós os tres a unha distancia de cinco metros ou así, no medio dunha sala baleira, como nun xuízo sumarísimo sen público. Sentinme como un indio estudado sendo examinado despectivamente por un xeneral, xuíz ou crego para dirimir se podíamos entrar na civilización. Resolución rápida: aquí non hai espazo informativo para o nacionalismo galego. No segundo caso, de forma máis cordial, incluído un café, coa presenza inicial do director e a máis alongada no tempo do subdirector, F. Monteiro, nado no Bierzo, a conversa distendida culminou con cara máis seria: ...a sigla pode aparecer algunha vez cando interese. Así foi e así é. En todo caso, a pretensión de que Galiza exista politicamente tropeza con numerosos atrancos dentro e fóra. Resulta meritoria e moi necesaria a vontade de vencelos.

Comentarios