Opinión

Rosalía como referente

Como pobo galego diferente levamos séculos vivindo na fraxilidade que o acoso e o afán por nos extinguir perseguen. Tamén vivimos coa afouteza da resistencia, creadora de instrumentos e obra persistente, alento para seguirmos existindo. Arestora cúmprense  138 anos da morte dunha muller, Rosalía de Castro, símbolo central no noso itinerario consciente, como pobo negado, para deixar de selo. A súa obra é a resposta á experiencia colectiva dunha nova fase da nosa andaina como pobo sometido. Non xurdiu da nada. Sen ir máis lonxe, a revolución de 1846 foi, malia o seu fracaso, un revulsivo e un legado exemplar para as xeracións posteriores.

A de Rosalía medrou á súa sombra, lembranza soterrada dun tráxico desenlace e dunha represión sempre axexante e permanente. Entretanto, a cada paso máis, incidía na vida cotiá a construción dun Estado español centralista e capitalista, empeñado en eliminar toda pegada da conciencia de sermos galegos e galegas de nación e substituíla pola de sermos españois.

O empeño acompañouse, a cada paso con maior incidencia, da desvalorización de todo o que remitise á existencia de Galiza como nación, seguindo o credo de a lexitimidade política racional se fundamentar na existencia exclusiva da nación e o pobo español. Aguzouse a oferta de progreso e ascenso social individual, entre os sectores sociais da fidalguía e da pequena burguesía, se se desertaba do propio país e se servía ao Estado burocrático español e aos seus intereses, mentres se afondaba no espolio de Galiza, como colonia da Corte. Asemade, en paralelo,  se cantaban as vantaxes do progreso civilizador grazas á moeda e ao mercado únicos, á banca, á escola, ao servizo militar e un longo etcétera. Dentro del ían incluídas as aventuras coloniais fóra (Marrocos, Méjico, Perú, Santo Domingo, Indochina…) para exaltar mellor o espírito imperial de España dentro.

Promoveuse, directa ou indirectamente, a emigración en masa. Dunhas e doutra foron vítimas principais, como carne de canón, as clases populares, en especial as galegas. Predicouse e interiorizouse que a asimilación ao idioma único imposto era a salvación, a condición sen a que non era posíbel ser alguén. Apareceu como imprescindíbel renegar do vulgar e bárbaro “dialecto” propio, indigno síntoma de pertencer a un mundo bárbaro, salvaxe e incivilizado. Velaí o proceso en que se fundamentou a existencia de España e as súas secuelas para Galiza.

Rosalía pertencía a un sector proclive ao colaboracionismo co proceso. Ela, porén, xa moza, malia todas as contradicións, optou pola fidelidade ao seu pobo. Desexando triunfar e vivir da escrita literaria no mercado editorial e no sistema mediático, intentou, acompañada por un home coincidente en obxectivos e ideoloxía, crear un espazo cultural galego e unha rede social que o sustentase. Tarefa ímproba para unha parella, tan sobrada de intelixencia como escasa de recursos. Porén, houbo froitos: unha portentosa creación literaria en lingua galega, estela seguida por Pondal e Curros, formando así unha tríade de poetas clásicos, esteas dun sistema literario propio.

Malia a marxinación persoal, a miseria económica e as dificultades de todo tipo en vida, a obra rosaliana triunfou sobre o silencio e quedou operativa boa parte da súa intencionalidade: a defensa do pobo galego a existir na súa especificidade diferenciada. Non esquezamos que segue a estar presente e operativa grazas a que hai pobo galego que segue vivo.

Comentarios