Opinión

Que está a pasar?

Padecemos unha política da Xunta que, recorrendo á invocación de Galiza, nunca é para defender os seus intereses con propostas activas que respondan á súa especificidade, necesidade e potencialidade como pobo diferente. Sempre se argumenta, a modo de actitude esmoleira, sustentándose no que outros poidan lograr, e desde aquí afirmar que non se consentirá discriminación. Para colmo, afóndase no tópico, para consumo de incautos, de que non se pode romper a igualdade, como se semellante cousa existise na realidade material. É unha forma de facer política tramposa, onde Galiza é unha palabra vacua. Porque, en efecto, ao cabo o resultado consiste en que só se trata de utilizarnos para servir aos intereses dun partido político estatal, adaíl da estratexia españolista para impedir que as nacións do Estado español se autodeterminen, ou, cando menos, gocen dun status político máis soberano, que hoxe non teñen. O Goberno galego está empeñado en afogarnos, como pobo, no pozo dunha dependencia suicida. Practican conforme un discurso que conduce a considerarnos incapaces por nós mesmos, necesitados de España para subsistir. Galiza non pode nin debe moverse do regueiro da política españolista nin reivindicar nada de perfil propio, pensado desde nós e para nós. Practican o mimetismo, a agresividade discursiva que lles ditan desde a central española, como bos sucursalistas que son. Segundo eles, España non se vende. Porén, Galiza pode venderse a prezos de saldo.

A situación política no Estado español é tensa e chea de perigos e incertezas. A ruptura do consenso entre as dúas patas do bipartidismo, derivada de moitos factores, está a facer que a súa confrontación sexa, por vez primeira, dura. Ten consecuencias para Galiza, pois pasamos a, sen mudar a intención de mantela dentro dun perfil político baixo, resultar unha peza de interese político electoral e de necesario control do seu marco autonómico para o partido que goberna España, grazas ao apoio, para a investidura do presidente, das forzas nacionalistas. Deberon converter a necesidade en virtude. Iso obriga tamén a certa mudanza do discurso e, por presión e reivindicación dos necesarios, dunha parte da práctica. Para alén, o actual réxime constitucional ten tanta miseria antidemocrática en moitos poderes do Estado, supura un españolismo tan visceral, que se chega, de forma ostentosa, a desacreditar a lexitimidade dos resultados electorais e as regras de xogo da súa propia legalidade constitucional. Na política estatal coido que o nacionalismo galego está a actuar de forma coherente (cerrar o paso ao españolismo e a reaccións extremas, desde a perspectiva dunha Galiza con vontade de existir politicamente), mantendo a súa independencia de criterio, cunha visión política do mundo anti-imperialista.

A atmosfera política galega está moi condicionada por un deterioro das condicións económicas e das estruturas produtivas, que provoca desalento e desafección. Galiza está nunha situación crítica. Mentres a Xunta, co recurso ao seu clientelismo mesquiño, incide en que o pobo galego só debe servir á unidade de España, a súa salvación. O nacionalismo galego faría ben en realizar un maior esforzo na popularización das súas propostas en todos os aspectos cruciais (financiamento autonómico, novo status político para Galiza na súa consideración nacional, recuperación de sectores produtivos básicos, rectificación da política forestal e enerxética, oficialidade da lingua galega…). Estamos moi necesitados de claridade e rotundidade. É o mellor antídoto contra a desafección e o desalento.

Comentarios