Opinión

Perspectiva do mundo

A idea de que Galiza existe e que debe expresar esa existencia politicamente é unha das esteas do pensamento nacionalista. A expresión da súa existencia ten que ser plena, sobre o seu estado interior, sobre o seu papel no Estado español e no mundo, e sobre a dinámica deste no seu conxunto. Diría que ten a ver con como estamos, como desexamos estar e como concibimos o noso futuro. Teño para min que, nesta cuestión, somos acomodaticios, resignados e dabondo enganados con prexuízos que nos consolan co que consideramos mal menor. Estamos habituados de máis a pensar que somos un pobo incapaz e de dimensión tan pequena que estamos condenados a deixarnos levar. Neste aspecto, a eficacia, en termos sociais amplos, dun pensamento nacionalista historicamente afouto, dista moito de ser a que necesitamos. Urxe analizar o que nos pasa, sen prexuízos, sen medos, recoñecer sen tabús as causas dos nosos males, e procurar solucións desde unha mentalidade aberta, confiando nas nosas capacidades, e, sendo conscientes do contexto, aspirar a superar as limitacións e atrancos que nos aferrollan. Dunha forma tan sinxela como real, para alén das nosas propias mancaduras ou eivas como sociedade, derivadas dunha determinada función secular como pobo subordinado, cabe afirmar que nen o Estado español nen a UE, tal como é a súa esencia e funcionan, son lábaros de redención para nós. A evolución da nosa situación como pobo é preocupante e, nalgúns aspectos, tráxica, desde a perspectiva de quen desexe para Galiza unha perspectiva de futuro que non consista en seguir esmorecendo, malia tantos esforzos colectivos e individuais meritorios. Todos sabemos cais son as causas. Un día tras outro vemos en que función se afonda, para que nos queren. Un españolismo morno, pero atordoante, e un eurocentrismo ridículo impídenos pensar por nós e para nós. 

Nesta conxuntura internacional, após o que levamos visto nos trinta últimos anos, debemos ter claro que estamos asistindo, afortunadamente, á fin da hexemonía absoluta dos USA. E isto quere dicir que, por fin, a capacidade de recorrer á forza non é exclusiva dunha potencia, habituada a impor os seus criterios e imperio con violencia e destrución dos discrepantes ou simplemente molestos en calquera parte do mundo. Que funcione o equilibrio disuasorio entre os poderosos non pode ser negativo. Neste momento crítico preténdese que nos aliñemos cunha concepción de Europa, claramente servil cos USA, que exclúe unha parte do continente, e crea graves problemas de todo tipo aos estados da UE e os seus pobos. Non é mal menor que, entre nós, se reforce a identificación con quen nos maltrata e o prexuízo da superioridade moral e democrática do bando onde nos sitúan. Será en España o último lugar onde escoitemos algunha voz do réxime a favor de procurar solucións negociadas a unha guerra e un conflito que ten causas, e onde Ucraína está a ser simplemente un peón instrumental. Téñeno claro os trinta congresistas demócratas que pediron a Biden que negocie, teno claro o líder dos republicanos, consciente de unha guerra prolongada e unha recesión duradeira non ser asumíbel. E todos son sabedores de quen foi inspirador e promotor principal da estratexia para este conflito ser inevitábel. 

Comentarios