Opinión

Panorama

Acrise do sistema capitalista, nesta fase oligopólica e de hexemonía do capital financeiro, dentro do deseño imperialista do mundo, deriva das graves contradicións e problemas irresolúbeis que xera. Estes desatan tamén a irracionalidade en amplos sectores populares. Mentres dáse unha irresponsabilidade monstruosa nas elites,  indispostas a rectificar nada substancial. Semellan ser como o burro que dá voltas á nora, como se nada pasase ao seu arredor. Vemos como a sociedade se inza dun individualismo tan exacerbado como inútil e destrutivo, un clasismo rampante, acubillado nun igualitarismo demagóxico, un sórdido racismo, agochado nun cosmopolitismo virtual, unha incapacidade para pensar con criterio propio, asolagada por unha visión unilateral da realidade, que a deforma até a mentira. Renxen as invocacións á liberdade e á igualdade en programas políticos que avogan por unha maior explotación económica e un maior desamparo  das clases populares, e son hostís ao libre pensamento e á capacidade de decidir dos pobos e dos individuos sobre si mesmos. Entre nós, un humorista, Carreiro, na súa ilustración gráfica neste xornal, hai pouco, expresaba a cínica contradición entre o grito de guerra a prol da igualdade dos españois e a descarada teoría e praxe a favor da desigualdade de clases de quen o enuncian. A prostitución das palabras non ten límites, a súa falta de relación lóxica e histórica respecto da realidade que expresan acada o capricho do irracional. O caso é desviar a  atención das masas verbo das causas reais que producen as súas dificultades para vivir, as inxustizas que sofren, as frustracións que as irritan. Excítanas contra os sinalados como causantes de todos os males, sen selo. Recorren, por exemplo, a que a vivencia emocional do dominio cultural, lingüístico e político sobre outra nación ou pobo se sinta como esencial para a existencia propia. Por tanto,  hai que impedir pola forza a súa liberdade ou calquera vía pacífica, fundada no diálogo, que conduza a acordos favorábeis precisamente á igualdade política.

Nesta conxuntura, o PP de Galiza, esporea as súas bases populares para o balbordo, aquí tamén, orde recibida da central madrileña para toda España, contra dos que, din, están a vendela cos seus pactos cos “terroristas” para poder seguir gobernándoa. Nunca se viu maior descualificación da legalidade constitucional, que tanto din defender, nin maior agresividade contra o pluralismo político. A ira popular proxéctana contra unha lei de amnistía que pretende paliar os desastrosos efectos sociais e políticos da represión contra o nacionalismo catalán polo seu intento de exercer o dereito a decidir o futuro de Catalunya nun referendo de autodeterminación. O castigo e a persecución teñen que continuar, en nome da igualdade entre os españois. Realmente queren dicir da súa xerarquización política e da súa identificación obrigada cunha concepción de España. Esa igualdade, para nós, é a desnacionalización de Galiza, o espolio dos seus recursos naturais, o drenaxe dos seus aforros, a súa hipertrofia como produtora de enerxía ao servizo do exterior. Nunha palabra, unha auténtica venda, esta si, a intereses alleos aos da maioría social galega. É un momento delicado e difícil. Porén, para o nacionalismo galego non cabe máis que a claridade discursiva respecto do que está a pasar e o activismo político e social a favor dos intereses reais de Galiza.    

Comentarios