Opinión

Panorama

Un pequeno empresario galego, con negocios en Madrid, de ideoloxía afín ao PP, pretende convencerme, con desasosego, de que, por torpeza e incapacidade para dialogar co PNV, o seu partido non vai poder gobernar España. Naturalmente, obvia cal foi a estratexia que, practicada durante anos, conduciu a esta incapacidade agora evidente. Os resultados electorais fan imprescindíbeis os votos nacionalistas para calquera forza estatal acadar o goberno do Estado e sustentarse nunha maioría parlamentaria, conforme á legalidade constitucional. Xogaron todo á carta de lograr unha maioría parlamentaria española e agresivamente españolista, fiados en que a intoxicación contra o nacionalismo, en especial o independentismo catalán e o vasco, estaba a facer pegada a destra e sinistra. Rebentáronnos a cabeza con que os impulsores do procés eran delincuentes que querían romper España, polo que debían sufrir castigo exemplar, sen que coubese sequera perdón algún. Resucitaron o fantasma de ETA, acusando a un partido legal, con composición ideolóxica diversa, desligado de toda actividade terrorista e representativo dunha cuarta parte, cando menos, da sociedade vasca, de ter as mans emporcadas de sangue. Calquera pacto con el era un agravio ás vítimas do terrorismo. Chegaron mesmo a contemporizar coa iniciativa parlamentar dos seus aliados para ilegalizar os partidos nacionalistas cataláns, vascos e galegos. Acabaron enredados nunha retórica que os enlamou mesmo nos discursos xenófobos, misóxinos e homófobos. Foron, en fin, incapaces de ver que a medicina Sánchez estaba a ser de eficacia extrema, após a represión policial, xudicial e política, en Catalunya. Sendo na oposición, cómplice co seu silencio da represión gobernativa e xudicial contra o independentismo catalán, lograba agora dividilo, debilitalo, amolecendo así o conflito. Alguén pode preguntarse por que non conflúen os dous partidos estatais gobernantes nunha alianza electoral ante unha situación como a española, cando no deseño estrutural son coincidentes. Houbo un problema de perda de lexitimidade do bipartidismo, que o facía inviábel. Optouse por promover partidos estatais complementarios, sen que agora tampouco abonde para lograr unha maioría parlamentar. Tense así reavivado un conflito partidario que a retórica moral reaccionaria da extrema dereita axuda a alimentar. O illamento do PP non significa que o seu deseño, xunto co da denominada extrema dereita, non goce do soporte dunha maioría social na nación española, e mesmo dun serio apoio en importantes poderes fácticos do Estado. Quen escora a balanza bipartita a favor dun deseño máis tolerante son as nacións sen Estado. Até onde pode chegar o reformismo do futuro goberno? Seguirá optando o PP por deslexitimalo desde o comezo xa polos apoios con que vai nacer? Terá en conta que, tanto el como o PSOE, xogan dentro do marco da UE, da OTAN e dos seus valores, deseños e políticas, e que ambos partillan a devoción constitucional pola unidade de España?

Con este panorama, a lexislatura vai ser movida e incerta. Desde Galiza, máis necesitada do que ninguén dunha mudanza de status, porén cunha correlación de forzas fráxil para beneficio propio, cabe esperar que a presenza nacionalista valla para lograr a consecución de demandas concretas con execución a curto prazo, e para garantir, en todas as reformas que se acometeren, a presenza dos nosos intereses como pobo con perfil propio. Sempre con independencia de criterio.

    

Comentarios