Opinión

Nacionalismo galego e conxuntura

Do 23 de xullo resultou un mapa político estatal similar ao anterior, con variantes significativas. Cabe subliñar que a convocatoria electoral con présa e baixo ameaza de a dereita bifronte poder gobernar, foi de proveitosa eficacia para o principal partido gobernante. Mobilizou ao seu favor unha base socio-electoral que, doutra forma, se tería conducido con criterio máis matizado e maior distanciamento.

Nas nacións sen Estado, o nacionalismo, agás no caso dunha das patas do vasco, sufriu retroceso claro (o caso catalán) ou un certo estancamento (caso galego), conforme a condicionantes da conxuntura e/ou estruturais. Subliñemos que o 23 de xullo houbo 41.770 persoas na Galiza que, podendo votar nacionalismo para o Congreso, limitáronse a facelo para o Senado. Tranquilizaron así a súa conciencia e permaneceron reféns dunha mentalidade valorativa xerarquizada, ideal e non práctica para o país. Así, na Coruña, os votos nacionalistas para o Congreso foron 67.658; no Senado, 88.116; en Lugo, 17.149 fronte a 20.638; en Ourense, 15.318 fronte a 19.813; en Pontevedra, 53.849 fronte a 67.177. Total galego: 153.974 para o Congreso, fronte a 195.744 para o Senado. De non se dar esta distorsión exclusiva en tal magnitude, o nacionalismo tería dous deputados. En todo caso, segue a ser o nacionalismo no seu conxunto o que pode garantir unha maioría parlamentaria para a esquerda española acceder novamente ao goberno e lograr a presidencia. 

A función primordial do nacionalismo galego é garantir que Galiza exista, e unha perspectiva do mundo que nos contemple. Sabemos que, no deseño español, o natural é dala por inexistente de partida. Esta actitude obriga o nacionalismo galego a esforzos maiores que os de outros para superar atrancos, cambadelas, silencios e censuras que, non por descaradas, deixan de se usaren con desenvoltura. Existe un consenso español, a esquerda e dereita, en ocasións seguido tamén por cataláns e vascos, conforme ao cal só Catalunya e Euskadi merecen a consideración de nacións, con problemas políticos pendentes de solucionar ou a ter en conta.

Non hai que explicar que este deseño e esta actitude está moi facilitada polas sucursais dos partidos e organizacións sindicais estatais aquí. Iván Redondo, ex asesor de Pedro Sánchez, exultante ante os resultados electorais do 23 de xullo, invocaba hai pouco en La Vanguardia unha perestroika española para Euskadi e Catalunya, agora que o socialismo era a forza máis votada nelas, os seus nacionalismos, apoio imprescindíbel, e a expresión do pobo español nas urnas facilitar a irmandade e pacificación necesarias.

A panacea consistiría nun novo Estatuto para Euskadi, pois, segundo el, é a única CCAA que non o tería reformado. Galiza, para el inexistente, tampouco. Para Catalunya, un pacto fiscal, eufemismo que a achegaría a algo parecido ao concerto vasco, e, claro está, unha amnistía, baixo a fórmula xurídica conveniente, para os perseguidos, encarcerados e exiliados por causa do procés.

Non é difícil de comprender a inxente tarefa que o nacionalismo galego ten por diante, e que só el pode asumir e impulsar. Tratándose dun acto puntual a investidura, debe tirar do seu voto concesións que se cumpran a curto prazo. Porén, desde a súa independencia de criterio e de decisión, espéralle unha tarefa ardua alí e aquí: impedir que Galiza sexa un convidado de pedra. 

Comentarios