Opinión

Historia

Entro pola porta principal do instituto Concepción Arenal de Ferrol. Evoco, como nalgunha outra vez anterior, cando ao alumnado do curso preuniversitario se nos permitía acceder e saír do centro por alí, o recoñecemento de sermos xa adultos. Axiña lembro, non como espectros ou fantasmas do pasado, senón como imaxes vivas, os vultos animados dalgúns profesores e profesoras. O paso do tempo non fai máis que agrandar a valoración positiva da súa forma de se conduciren como persoas e docentes. Tamén o meu agradecemento. 

É curioso como a memoria do pasado que se manifesta por escrito adoita ser tan parcial como inxusta, ao estar peneirada sempre pola óptica de quen ten poder, capacidade ou medios de control para estabelecela. No caso dunha vila ou cidade como Ferrol, os grupos sociais e políticos que, nos anos cincuenta do século pasado, por exemplo, controlaban o casino. Os seus fillos e fillas pasaban, desde centros privados case sempre relixiosos, para o Instituto a cursaren o bacharelato superior. Confluían rapaces e rapazas na mesma aula, en mesas separadas á esquerda e á dereita. A algúns pódelles parecer esta circunstancia rechamante. Valla todo o dito para comprender e explicar, tamén a min mesmo, porque, dentro da fugacidade e fraxilidade da memoria local, a miña visión sobre o profesorado de entón non coincidir coa que se fixou como relevante, esquecendo uns e sobrevalorando outros. 

Desta vez, volvín ao Instituto grazas ao convite do departamento de Lingua e Literatura Galegas, para lles falar a mozos e mozas de primeiro de bacharelato, sobre a historia medieval de Galiza. O rostro de D. Claudio Infanzón, de procedencia asturiana, aparecéuseme, distante pero fiábel, recordando dous momentos, un cando eu tiña dez anos -exame de ingreso-; outro, con trece, cuarto de bacharelato elemental. Seguramente resultaba raro polos acenos e estar como enviso, ido, con frecuencia. Porén, non provocaba medo nen burla. Véxome nunha ringleira, esperando a ser interrogado, após días de explicacións, sobre aspectos diversos da revolución francesa. Pasados os anos, cheguei a comprender as razóns polas que daría tanta importancia ao tema.

Están diante de min máis de 200 rapaces e rapazas no grande salón de actos do Concepción Arenal, dispostos a escoitaren unha síntese da historia medieval galega. Teñen disposición a tomar apuntes, sen dúbida instruídos polos profesores e profesoras tan competentes que nos acompañan. Lembro, e expreso, que nunca escoitaba falar da historia de Galiza cando estudaba, como elas e eles, neste Instituto. Seguramente, esta privación, este furto, segue a estar presente. Paseniño vou comprobando que se orixina expectación, estrañeza, atención, como algo que esporea o seu interese. Hai sorpresa perante as imaxes do Panteón Real e da catedral románico-gótica de Compostela, do seu Pórtico da Gloria, a vida e a historia que as explica. No seu rostro albisco que, dalgunha maneira, accederon a un mundo descoñecido que os relaciona e integra cun pasado e un presente, agochado, cheo de interrogantes, o do seu país, Galiza. Voume coa sensación de non termos todo perdido. 

Comentarios