Opinión

Historia de Galiza

Así debía ser denominada a que se coñece como Historia Compostelá, escrita naturalmente en latín, por persoas coetáneas dos acontecementos que narra, séculos XI e XII. É un auténtico rexistro da dinámica política no reino de Galiza, como un centro de poder relevante na Península, analizada desde a perspectiva de quen se consideraba a súa representación máis elevada, o señorío de Santiago, co bispo, primeiro, e logo arcebispo, Xelmírez, á fronte. Xa nos anos cincuenta do século XX, españolistas de cerne castelanista, como Claudio Sánchez Albornoz, recoñecían que se trataba dunha verdadeira colección diplomática de valor incalculábel. Porén, malia ser progresivamente máis recorrida, como fonte de información coetánea do seu tempo histórico, polos medievalistas, prescíndese xustamente do máis significativo e importante que revela: o status político de Galiza nese contexto; o papel das súas clases dirixentes e o seu poder económico coa conseguinte influencia sobre os reis; o dinamismo social e político de comerciantes e artesáns e as súas repercusións no mundo campesiño. Nestes aspectos é ignorada ou terxiversada. Velaí como unha fonte primaria, de época, salvada dos desastres e destrucións dos arquivos da catedral de Santiago, non se lle concede crédito ou atención por parte do academicismo, malia cacarexar que, para a narrativa histórica, é fundamental contar con documentación coetánea dos feitos. Sublíñase case sempre que é unha crónica partidista, como se algunha crónica medieval ou actual non o fose, en maior ou menor medida. Ora ben, a causa real que provoca desacougo, desagrado, coa consecuente censura, ou manipulación, cando se usa polo medievalismo académico, está en a súa imaxe da realidade peninsular colidir co deseño historiográfico oficial.

Hai tres aspectos en que a Compostelá é contundente: a consideración de Galiza como reino e patria, un poder determinante entre os reinos occidentais; a influencia das súas clases dirixentes no regnum ou imperium dos sucesivos reis e raíña; a imposibilidade de estes controlaren Galiza sen contaren coa súa anuencia e o seu apoio. É dicir, todo o que se agocha ou contradí no deseño oficial, satisfeito coa eliminación da Galiza, como se fose irrelevante, marxinal e sempre asimilada ou subordinada a outros. Son numerosas as veces en que a Compostelá fala de tan gran reino, aínda contemplado coa súa parte sur, Portugal, na súa fase emerxente. Faise desde a posición de quen considera ter como función prioritaria, en momentos conflitivos, garantir a defensa e salvación de todo o reino de Galiza. A esta orientación responde a alianza de Xelmírez e os Trava para coroaren o neno Afonso VII como rei de Galiza, advertencia de non consentiren ningún dominio navarro-aragonés sobe o reino, en primeiro lugar, e as súas zonas de influencia, en segundo, como consecuencia do matrimonio de Urraca co denominado Alfonso o Batallador. A liberdade e protección da patria, concepto referido a Galiza, exércese tanto contra os sarracenos que atacan as súas costas, como contra o exército do rei aragonés que entra na Galiza, e os seus colaboracionistas internos. Por este motivo Xelmírez é considerado escudo da patria. A raíña Urraca aparece moi consciente de non poder someter o reino de Galiza ao seu imperio, se non contaba co apoio de Xelmírez por causa do grande tacto político e poder que tiña. Con posteridade, o seu fillo Afonso VII, presentándose como emperador de Hespaña (referencia xeográfica que indicaba primacía do seu poder sobre os demais da Península) asumía que a Igrexa Compostelá era cetro e capital do seu imperio. Era o maior poder económico dos seus reinos. Que ten a ver esta realidade coa que imaxe que ofrece de Galiza a historia académica e oficial sobre eses séculos? Non é xa hora de respectar as fontes de incalculábel valor?

Comentarios