Opinión

Emigrantes

Son consciente de pertencer a un país de emigrantes. Intentei, desde que pensei no meu futuro laboral, non ser un deles. Por fortuna, a miña nai e o meu pai fixeron o posíbel, co seu esforzo, para os seus tres fillos e a súa única filla, estudaren. Así non foi difícil achar un traballo digno na propia Galiza, por aqueles anos. Só había que ter vontade de non desertar co pretexto de calquera promoción persoal maior. Creo que o andazo de ver mundo só o sentín como procura dun soño de redención individual. Esmoreceu xa na adolescencia. Albisquei que a fuxida non é garantía de nada e que, aquí ou en calquera outra parte, un ten a responsabilidade de asumirse como é e abrirse camiño por si mesmo. Nunca cheguei a ver, desde un punto de vista colectivo, nada positivo na emigración. Comprendo que poida resultar lábaro de salvación económica ou persoal, nalgúns casos; noutros, que puider, por xeneroso apoio, paliar problemas da sociedade galega. Mesmo que, para o país receptor, sexa unha contribución de alento. Porén, non me podo librar, no noso caso, da sensación de fracaso, derrota e ferida: canta altruísta e anónima vida lonxe do país, sen algún beneficio para el!!! Cantas amarguras padecidas, e ás veces canto servizo a causas que nos envileceron: sendo colonizados, colaborar á rapina colonial contra outros!!! O caso é que moi poucas veces, malia tanta potencia, a nosa emigración serviu para o nome de Galiza significar algo, política, cultural e emocionalmente, relevante entre os emigrados e no país receptor. Sempre acabamos ao servizo de España, ben instrumentalizados por unha madre patria cañí de consulados e embaixadas. Gozan vendo o bo servizo que a falta de conciencia nacional galega lles brinda para reforzaren a idea de españolidade aniquiladora entre os nosos emigrados. Certo que non pode ser doutra forma. Cando dentro do país somos e estamos así, non se pode esperar de fóra moita redención. Cando visitei o Centro Galego de La Habana, tan potente e simbólico, non quedaba nin rastro dunha Galiza real e con vontade propia. O seu Teatro Chacón, logo de rehabilitado, foi bautizado como Teatro García Lorca. Todo un síntoma!

É, pois, normal que todos os e as pensadoras e persoas de acción, que pagaron co exilio exterior (Castelao) ou interior (Rosalía) ou a morte (Bóveda), a fidelidade a Galiza e a súa existencia como pobo con vontade política propia, acabaran considerando que "a nosa emigración é o erro máis terríbel que cometeu Galiza" (Castelao). Case, ao cabo da súa vida, Castelao, após experimentar a solidariedade e as miserias dos galegos e galegas na diáspora, tiña a convicción de que a emigración "é unha dádiva sen recompensa posible" e sentíase capaz de aquilatar "con cifras e razóns, a merma que nos causa en potencial económico, en enerxía social, en pulo creativo". Por que nos nosos días non se fala da nosa emigración? Non a hai? É un tema tabú? Penso nela mentres cavilo ao mesmo tempo en Henry, o negro cubano, de 34 anos, de grande cultura cosmopolita, vagando polas rúas da Coruña en estado psicótico, reducido á consideración de delincuente perigoso e como tal abatido sen miramentos. Penso en Yoel, 22 anos, o indio peruano, seguramente arrastrado aquí pola atracción de promesas virtuais, coas navallas espetadas no corazón e no ventre, no centro da mesma cidade, por xente da súa idade. Hai que responder, desde unha perspectiva galega, a unha morea de interrogantes. 

Comentarios