Opinión

Co pretexto dun centenario

Vén de cumprirse o centenario do nacemento de Fraga Iribarne. Celebrouse, de forma ritual, pola súa descendencia política, cun acto en Vilalba, coa intervención do actual presidente da Xunta. Outro, aínda máis clandestino, coa de Feixoo, decorreu no Senado, na capital da súa amada España, onde foi senador ao final da súa vida, como unha especie de retiro político definitivo. Antes, transcorreran dezaseis anos de presidente da Xunta de Galiza, onde chegou desprazado da política cortesá. Como outros galegos á española decidiu que os seus restos repousasen na patria de orixe. Está sepultado no cemiterio de Perbes, perto da casa que lle valía de refuxio.

Non imos ocuparnos da súa militancia falanxista, nin dos seus servizos ao franquismo e as súas responsabilidades na política represiva do réxime, notorias e condenábeis. Falaremos do seu servizo a España dentro do actual réxime e da súa actitude verbo da Galiza. Fracasado na política española, cabe lembrar que aterrou no noso país, previo acordo con Felipe González, nunhas circunstancias que, máis que presaxiar, xa evidenciaban o desmantelamento agrario, pesqueiro e industrial, derivado da forma de integración no entón Mercado Común Europeo. Con efecto, unha transformación acelerada e sen precedentes do país. Había que garantir que Galiza estivese controlada, e escorrentar calquera posibilidade de se converter nun problema relevante en España e para a súa unidade. Nas eleccións ao Parlamento Galego de 1989, Fraga obtivo a maioría absoluta só após a manipulación realizada nos resultados dunha mesa electoral de Ourense. A pasividade do PSOE evidenciou o acordo madrileño. Así foi Fraga presidente da Xunta por primeira vez. Galego coma ti, a tarxeta de presentación, acorde cun sentimento entón moi espallado. Home culto, coñecedor, desde a súa mentalidade, do país, mantivo con el unha actitude paternalista: Galiza debía sufrir polo ben de España, porén aplicándolle as doses de anestesia necesaria.  

Hoxe, outra fase da asimilación e da subordinación, sería imposíbel sacar adiante no Parlamento Galego unha proposición de lei, a aprobar no Congreso dos Deputados, estabelecendo que a denominación das provincias da Coruña e Ourense -competencia e lei  estatal- correspondesen ás das súas capitais -competencia e lei autonómica-, isto é, ás formas galegas, orixinarias. Entón si. A tramitación no Congreso estivo inzada de dificultades. Tiñan a intención de que decaese, por no se tratar no tempo obrigado, pois había outras leis de procedencia autonómica, para seren debatidas, que estaban por diante. Movemos Roma con Santiago. Mesmo incitamos o portavoz do PP, Luís de Grandes, a lle preguntar a Fraga se era verdade que fora aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza. Fraga contestoulle, de forma telegráfica, por escrito, que así era. O PP, sen maioría absoluta entón (1998), pregouse a que se debatese, no mesmo pleno onde ía outra de diferente temática, procedente do Parlamento balear, para así a nosa non decaer. Non era a norma, porén xa houbera excepcións, tratando dúas de procedencia autonómica na mesma sesión. O alcalde Paco Vázquez, entón deputado polo PSOE, non se atreveu a aparecer o día da votación. Na seguinte lexislatura, con maioría absoluta, Aznar bramaba porque na autovía de saída de Madrid indicaba: A Coruña. 

Comentarios