Opinión

China

Ven de celebrarse a xuntanza do G-7, a elite do capitalismo occidental co apéndice xaponés, de novo contando cun devecido xefe mesiánico dos USA. Outros preferiron falar de Biden como director de orquestra para emitir unha sinfonía acompasada. Houbo quen, sen eufemismos, se referiu ao sheriff planetario, enleando á banda de seguidores, con maior ou menor entusiasmo, na idea de que había que plantar cara a China. No canto de incidir, subliñar e resolver sobre as súas competencias, responsabilidades e deberes verbo das súas casas e do mundo que controlan, o resultado contundente do cumio resolveuse na intimidación e ameaza contra un terceiro porque pon en perigo a hexemonía económica dos USA e, tamén, a súa estratexia de dominio mundial. A esta altura causa, como mínimo estupor, que se xustifique a animosidade contra China pretextando o seu abuso contra os dereitos humanos. Cal é o estado dos dereitos humanos no mundo que o G-7 domina e controla e, sen ir máis lonxe, na casa do propio predicador?

Veño de ler un libro, A metamorfose do comunismo na China, por moitos motivos admirábel. O seu autor é un galego de nación, Xulio Ríos, un bo coñecedor da realidade chinesa, especialista en sinoloxía. Non creo que haxa mellor guía para introducirse na complexidade e contradicións dese país, e  podermos ter un coñecemento contrastado da dinámica da súa evolución, e mesmo facermos finalmente unha valoración ponderada, con coñecemento de causa, dos resultados da proclamación da República Popular Chinesa (31-09-1949), após 71 anos da súa existencia. Este libro colócanos aos lectores, moi en especial a quen foi modelado na esperanza da revolución socialista, como superación das opresións do capitalismo, e antesala dun comunismo ideal, na perplexidade, o desacougo e as incertezas. As mutacións positivas da realidade non parecen lineais, fáciles, nin se deixan acomodar a un exceso de esquematismo ideolóxico. O autor non obvia ou edulcora as deformacións, anomalías, defectos, contradicións, sufrimentos e asuntos pendentes, en todas as ordes, que se produciron ou están presentes na sociedade chinesa. Porén, coa mesma contundencia, subliña o desenvolvemento económico espectacular, a progresiva expansión do benestar e o reparto da riqueza, malia que sexa de forma moi desigual. Con toda certeza pódese afirmar que a pobreza está a punto de se erradicar na China, tal e como se recoñece tamén nos informes das Nacións Unidas. Sen dúbida este aumento progresivo de benestar e riqueza é un poderoso factor de lexitimidade social para o réxime. Como tamén o é, a recuperación da dignidade de China como unha gran nación, a que era até o século XVIII, antes de caer no rodopío do imperialismo e o colonialismo, famosa polos seus avances científicos e tecnolóxicos. É o exercicio da soberanía nacional ao servizo da causa da renacenza da nacións prostrada, cun forte compoñente antiimperialista e popular, o que explica a vitalidade do socialismo á chinesa e a súa resistencia histórica.

Sería bo que asumísemos, como Xulio Ríos fai na súa análise e valoración, que Occidente, nin polo seu pasado nin polo seu presente, está en condicións de impartir doutrina ou de dar leccións. Facelo así e co recurso ás ameazas non conduce a nada positivo. Un galego consciente debe criticar a política chinesa coas súas pequenas nacións, como o fai coa que desenvolve o Estado español, Francia, USA, Marrocos e un longo etcétera. Porén, ten que valorar que a carencia de tradición mesiánica de China, a súa non inxerencia nos asuntos internos de outros, o seu contrapeso ao hexemonismo USA, a multipolaridade que favorece e mesmo a revalorización da cultura tradicional propia, son todos factores positivos para a humanidade, nestas circunstancias.

Comentarios