Opinión

Castelao

Desde 1984, en que os restos mortais de Castelao foron traídos da Chacarita en Buenos Aires para Galiza, e seren depositados no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, vivo coa sensación de que segue a ser un desterrado ou maltratado no seu propio país. Foi aquela unha operación guiada por un interese espurio nunha conxuntura máis que penosa: lexitimar un marco autonómico ruín, gobernado polos continuadores do franquismo, mentres se expulsaba os deputados nacionalistas do Parlamento Galego, os máis xenuínos seguidores do pensamento político de Castelao, por non xuraren fidelidade a unha Constitución que nega a existencia do pobo galego. Entón houbo unha resposta popular forte, días antes e o mesmo da chegada dos restos, en Compostela, como correspondía a semellante intención manipuladora. Pretendían enterralo para sempre, a el e á súa forma de pensar, concretada en praxe política. Por fortuna, Teresa Navaza, encargada da retransmisión do acto por TVE na Galiza, foi lendo anacos do Sempre en Galiza, mentres se vían as imaxes do percorrido do féretro desde o aeroporto até chegar a San Domingos. O colofón: duras cargas da policía contra os alí concentrados para recibir o seu cadáver e protestar pola forma de traelo e a intencionalidade da operación. Teresa Navaza desapareceu por anos da pantalla televisiva.

O retorno non trouxo nin máis presenza da súa figura nin da súa obra artística na sociedade galega. Non falemos xa da difusión social do seu pensamento e a súa praxe política. A partir de entón e, de forma a cada paso máis acusada até hoxe, a aparencia, o ritualismo e a invocación fraudulenta caracterizaron o uso do seu nome polas autoridades oficiais. Tamén é certo que a lectura da súa obra literaria e política retrocedeu, de forma progresiva, nas filas do nacionalismo e na mocidade, como efecto de moitos factores combinados: a propia invocación e uso oficial fraudulentos, a marxinación ou desaparición do seu estudo no sistema educativo, unha concepción banal, e presuntamente global, da modernidade, as campañas de hostilidade e confusionismo contra o nacionalismo como ideoloxía. Estamos agora nunha situación paradoxal, que beneficia o uso en van do seu nome, mentres se afonda na ignorancia colectiva do que significa a súa obra para nós e para a nosa existencia na humanidade. Doe o corazón e rebenta a cabeza comprobar como se conceden pola Xunta medallas Castelao a persoas que teñen un pensamento e unha práctica totalmente antagónicas co idioma, a cultura e a existencia de Galiza como nación. É a burla da apropiación indebida. Hai uns días, o goberno de España realizou unha homenaxe de reparación e recoñecemento persoal, en Madrid, ás vítimas do golpe militar fascista do 36. Entre elas, estaba Castelao. De facto, acompañado, na nómina de vinte, por Aresti e Espriu, foi considerado, así, sobre todo, na súa dimensión artística. Cal foi a reparación? Ningunha, a non ser que se pense que debemos contentarnos cun día oficial e co ritualismo. Di o presidente da Fundación Castelao que este "é máis grande do que nós mesmos pensamos". Sen dúbida, a maioría galega non ten conciencia da súa importancia. Creo que non a vai coller mentres, dentro, non sexamos quen de superar, respecto do noso, o ritualismo, a aparencia e a apropiación indebida e oportunista, sendo consecuentes co seu pensamento e o seu legado.

Comentarios