Opinión

Amnistía

A reacción ante a intención de amnistiar todas as persoas que foron castigadas, dunha ou doutra forma (desde o cárcere e o exilio até multas coa ameaza de embargo dos seus bens, e inhabilitación para cargos públicos), por impulsaren e participaren no procés catalán, está a evidenciar, dunha forma máis alarmante do que nunca, a natureza anti-democrática e autoritaria de determinados aparatos do Estado español. En particular boa parte do poder xudicial e das forzas de seguridade, de maneira moi significativa, a Garda Civil, actúan cun descaro impropio dun Estado de Dereito. O Consello do Poder Xudicial non se conforma con estar na máis completa ilegalidade, ocupando cargos fóra do mandato constitucional para o que foi eleito. Ademais, a metade del, como un grupello endogámico de amigallos que se senten donos dun cortijo, permítese desabafos de ira contra unha hipotética lei que descoñecemos, que acabaría, segundo eles, coa súa amada España. Realmente, escudados nunha impunidade reverencial, aprovéitanse, non só para manter o seu status de intocábeis, senón para subverter o réxime constitucional, cando non ara polos vieiros da súa ideoloxía e dos sectores socio-políticos aos que serven. Non hai prudencia nen rubor algún: o maxistrado da Audiencia Nacional, García Castellón, pretende xulgar por terroristas a Puigdemont e Marta Rovira, como forma de rebentar calquera intento de amnistialos, botando man dun informa ad hoc da Garda Civil, elaborado ao efecto, que os responsabiliza de todo o acontecido co denominado Tsunami Democrático de 2019 en Catalunya. Xustamente, cando as negociacións con Junts para articular unha maioría parlamentaria que sustente a investidura de Sánchez están a punto de callar. Recomendo que se analice o historial de García Castellón para se decatar de cal pode ser a súa fiabilidade e honestidade no desempeño dunha función tan delicada. A quen na Garda Civil se encarga de elaborar informes tan insidiosos como partidistas, que exceden da mínima neutralidade política nuns funcionarios con armas e capacidade de control dos cidadáns, cabería dicirlles que empreguen o seu entusiasmo en impedir tantos casos de corrupción como asolan o seu benemérito corpo. 

Desde Galiza, debemos saber e asumir que semellante balbordo do españolismo máis intransixente, manifestado tamén na rúa coa excitación emocional conseguinte, vai contra o nacionalismo catalán por defender a existencia política de Catalunya, por métodos non violentos e co recurso a instrumentos democráticos, que non poden ser catalogados de terroristas. Se se produce esta catalanofobia tan irracional e agresiva, preguntémonos cal sería a reacción dos poderes fácticos do Estado ante un nivel superior de conciencia nacional, en defensa dos nosos intereses como pobo, expresado, de forma conflitiva, pero pacífica, na Galiza. A amnistía non é unha cuestión só do Goberno e a súa relación con Catalunya. Consiste tamén en derrubar atrancos para a existencia dun verdadeiro marco democrático, de respecto polo pluralismo político e de mínima asunción do carácter plurinacional do Estado español e da lexitimidade de a súa estrutura poder e deber ser mudada nesa dirección. Polo demais, resulta aterrador que, após as calamidades represivas padecidas por tantos homes e mulleres en Catalunya, se poda esporear tanta saña punitiva contra unha medida de gracia que busca paliar os males ocasionados en nome dunha certa concordia política. 

Comentarios