Opinión

Ameazas

O actual réxime político instaurouse e xustificouse no esquecemento do pasado inmediato. Malia sustentar que se inspiraba nos dereitos e liberdades democráticas, non castigou os atentados contra eles no réxime anterior. Veu ser unha mudanza na continuidade. Agora, da boca de conspicuos colaboracionistas desa transición e exaltados panexiristas do texto constitucional (Felipe, Guerra) con que a lexitimaron, baixo vixilancia e con permiso das forzas armadas, escoitamos advertencias ameazantes contra supostos atentados á unidade de España, de algo se mover na dirección non desexada. Mesmo a intención de conceder unha amnistía aos afectados polo procés por parte dun Goberno, apoiado nunha maioría parlamentaria para facelo, queren convertela nun intento de liquidación de España, da legalidade constitucional e de desprestixio da Xustiza. A actuación política expeditiva, o castigo penal desproporcionado, para alén da propia represión contra miles de persoas, dunha boa parte dos políticos cataláns nacionalistas, eleitos democraticamente para os seus cargos institucionais, trouxo cárcere, campañas de desprestixio persoal, multas e embargos de bens, e provocou dor, exilio e un indigno menosprezo do marco institucional autonómico catalán. A forma insidiosa de se conducir o Tribunal Supremo, a animosidade mostrada por todos os poderes fácticos, posibilitou que instancias xudiciais dalgúns Estado europeo (Alemaña, Bélxica…) amparasen a permanencia dos exiliados e perseguidos, reclamados pola xustiza española, desatendendo as peticións de entrega a España para seren castigados.

A amnistía é o lenitivo para reparar algo os danos políticos e morais derivados dun conflito causado por limitacións constitucionais, rixidez interpretativa interesada e contumacia en considerar sagrada para o que convén, após 45 anos de vixencia, unha Constitución, usada para meter medo e mudada só para facer obrigada a política de recortes e asegurar máis aínda a continuidade monárquica. Nin sequera nela poden achar xustificación para impedir unha lei de amnistía: só necesita ser aprobada polo Congreso dos Deputados, onde reside a soberanía do seu pobo español. Pretenden, pois, identificar amnistía con atentado ao credo dogmático da unidade de España. Con arrogancia falaron Aznar e Ayuso primeiro: non tolerarán a destrución da nación española. O acólito Feixoo repicou obediente a mensaxe, instando á mobilización das masas para xa. O presidente en funcións do Poder Xudicial, Vicente Guitarte, sentenciou, en sede universitaria, que o dereito en mans de desaprensivos era un instrumento perigoso. Canta razón ten! Non hai máis que ver as múltiples ocasións en que ese poder se encarga de demostralo. El mesmo, sen coñecer o corpo do delito, alertou contra os ilusionistas que pretenden convencer das bondades da amnistía. Segundo Guitarte, coñecéndoos, xa hai que cuestionala. Certamente é ilusionista pensar que unha amnistía ten a ver con recoñecer o dereito de autodeterminación. Só é un intento de alixeirar unha represión abafante para lograr, co recurso a métodos máis políticos, que o nacionalismo catalán minore a súa incidencia ou opte por volver ao rego. Porén, está claro que moitos poderes fácticos, e boa parte da excitábel masa social española, pretenden facer inviábel calquera fenda que poida conducir a un Estado politicamente plurinacional. A súa unidade española é mortal para as chamadas constitucionalmente nacionalidades. Galiza é a principal damnificada.

Comentarios