Opinión

A morte de Rosalía

En xullo de 1885, apenas sete días antes de morrer, Rosalía de Castro, gravemente enferma, decidiu ir pasar algúns días a Carril, para contemplar o mar. Sentindo que se agravaba o seu estado, debeu tornar, antes do esperado, case agónica, á casa da Matanza. O traslado por mar nunha barca até a estación dos camiños de ferro foi para ela, seguramente, o tránsito acolledor cara á morte e á despedida melancólica da vida. Segundo o certificado de defunción, morreu dunha dexeneración canceríxena de útero ás 12 da mañá do 15 de xullo, vai agora facer 135 anos. Dise nel que estaba casada co escritor Manuel Murguía, e que non outorgou testamento. Nada material había que deixar. No certificado de enterramento, datado o 16 de xullo, infórmase de que se lle deu sepultura eclesiástica, após recibir os santos sacramentos e demais auxilios espirituais. Aquí aparece como “casada con el célebre historiador don Manuel Murguía”. Asina José Caamaño, o párroco de Iria, o mesmo que se empeñou a fundo, nas derradeiras horas agónicas, para contar cos trámites da ortodoxia.

Non sabemos exactamente o que pasou nesas derradeiras horas. As evocacións feitas son imaxinacións. Non o é que a filla maior, Alexandra, ao fronte da familia, ausente Murguía, con 26 anos, se viu sometida a presións e recomendacións, ás veces antitéticas. Todas se expresaban en nome de facer ben á memoria da moribunda. Moito peso para unha rapaza condicionada pola necesidade e a angustia. Desde logo, a destrución de cartas e documentos foi real, aconsellada por quen predicaba arrepentimento e protección da imaxe de Rosalía. Algunha muller amiga intentou convencer de esa non ser a forma de protexer nin a vida nin a obra rosaliana, que ninguén tiña poder moral para ocultar ou destruír.

A morte e o enterro de Rosalía tiveron un impacto social reducido e un eco oficial nulo. Os xornais que deron a noticia, no caso de Madrid cunha semana de retraso, curiosamente aludiron todos ás batallas, dores e infortunios que sufrira en vida. Un seu amigo da mocidade, ben situado, Luis Rodríguez Seoane, lembraba na Gaceta de Galicia (17 de xullo) as veladas musicais e dramáticas do Liceo de San Agostiño que partillara con Rosalía e outros mozos, entre eles Murguía. Subliñaba que o casal Rosalía/Murguía só ao patrimonio da súa inspiración e da súa pena tiveran que fiar a satisfacción das súas necesidades. Era consciente da superioridade de Rosalía respecto de Bécquer e constataba que aínda estaba distante dunha reputación e un crédito universais. E laiábase de o seu enterro seguramente non ser máis que a soidade que, para moitos, precede á tumba. Así fora, só unhas ducias de persoas acompañaron o cadaleito. Pola súa parte, universitarios prenacionalistas, en El Libredón, un xornal católico, afirmaban que honrar Rosalía era honrar “o profeta que nos prometeu nos seus versos a independencia”, e formulaban a necesidade de colectar diñeiro para mellorar a condición da súa numerosa familia, da que ela, en palabras de Murguía, fora éxida.

Pasados algo máis de dous meses, dous devotos rosalianos, foron visitar a tumba de Rosalía no cemiterio de Adina. Só por indicación do sancristán deron con ela. Non había lousa, nin lápida nin cruz. A que lle puxeran de madeira fora arrincada, ninguén sabía por que. As herbiñas cubrían a súa tumba.

Comentarios