Opinión

O outro Francisco

Lembro que cando foi escollido este Papa, a miña filla, daquela con catro anos, comentara diante da televisión: pero o papá Francisco non es ti?


Lembro que cando foi escollido este Papa, a miña filla, daquela con catro anos, comentara diante da televisión: pero o papá Francisco non es ti? Rimos un cacho aquela noite na casa grazas á súa ocorrencia. Eu respondinlle, por suposto, que si, que o de verdade que era eu e que o que saia na tele que era outro. 

E do outro Francisco é do que vou falar.

"Ao Papa escólleno os cardenais, é dicir, o máis alto da xerarquía da igrexa, é dicir, a que probablemente é unha das entidades máis ultraconservadoras das que existen dende hai seculos"

Que non son católico é algo que xa dixen moitas veces. E cando tal declaro, sempre aparecen voces que se poñen a dicirme que non teño dereito a opinar sobre os asuntos da Igrexa. O argumento non se sostén. Non son católico, certo, repito. Pero son cidadán, teño un criterio e algunas teorías sobre a realidade creo que dabondo xustificadas. E podo opinar. Sobre el, sobre o Papa e sobre o que me apeteza.

Por exemplo, sobre esa idea repetida dende que chegou ao poder de que é un "revolucionario", que está cambiando a igrexa e non sei que máis epopeas radicais nunca antes vistas.

Cómpre ser serios.

Ao Papa escólleno os cardenais, é dicir, o máis alto da xerarquía da igrexa, é dicir, a que probablemente é unha das entidades máis ultraconservadoras das que existen dende hai seculos. Para pertencer a unha organización (a esta ou a calquera outra) é unha obviedade que hai que profesar un pensamento coherente coa organización que a un acolle. O contrario, que alguén (e máis un cardenal entre outros cardenais) entrase a ocupar un posto de alta responsabilidade adscrito a unha liña ideolóxica contraria, disidente ou claramente distinta, é algo imposible pois sería unha contradición tan inviable que nin ao propio Espírito Santo se lle ocorrería tal excentricidade.

Un Papa, nin sequera un que teña un nome tan feito coma o actual, ten que ser por forza conservador. Pode ter formas máis amables que os seus predecesores. Pode ser máis guapo ou incluso mellor persoa. Todo iso pode axudar a que o percibamos como máis aberto. Mais non coma un revolucionario. Porque a empresa que dirixe só ten futuro nun mundo que non evoluciona, que non se move, que non progresa. Un Papa non pode ser progresista. Iso é absurdo. Moito menos, un revolucionario. 

Mais se de verdade quere selo, xa sabe o que cómpre facer: manifestarse a prol da igualdade entre homes e mulleres (pode empezar polo dereito ao sacerdocio destas últimas), poñerse do lado dos máis febles non só con palabras (iso faino todo o mundo) senón destinando os abondosos recursos da igrexa a axuda para o desenvolvemento, traballar para que as persoas homosexuais tamén se sintan fillos de Deus, romper relacións con todos aqueles gobernos que abusan dos traballadores e lles recortan dereitos, declararse contrario á SIDA e explicar que o condón é bo para erradicalo e non contaxiarse...non sei, hai millóns de cousas que podería facer se de verdade quixese facer unha revolución...todas esas cousas, por certo, que son de escandaloso senso común e ás que á igrexa romana segue a lle dar as costas papa tras papa.