venres 24/09/21

A suba da luz

Artigo do Colectivo de debate enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco.

No momento de escribir este artigo asistimos a unha escalada diaria no prezo da luz no mercado maiorista (pool), sempre batendo máximos históricos; e vemos como en moitos medios confúndese o custe da electricidade no pool co recibo eléctrico.

Imos poñer un exemplo práctico: se hoxe, 12 de agosto (Moncho Reboiras sempre na lembranza), o prezo no pool  ás 21 horas está en 0,13 euros/kWh, o seu custo no recibo final para as persoas consumidoras é de 0,29 euros/kWh; e iso débese ás peaxes e cargos do sistema, das que se fala moi pouco, pero supoñen aproximadamente o 40% do recibo, outro 25% son impostos, e o custo da enerxía –o que está a subir- o 35%.

A xustificación, oficial e publicada, da suba semella ser o alto prezo do gas e do CO2, o que, en parte, é certo, como acontece noutros Estados europeos, pero hai algunhas cuestións que no caso español sorprenden.

O primeiro é a contradición de non estar en máximos de consumo, pero si de prezos; o sistema eléctrico estatal ten soportado consumos superiores: o 17 de decembro do 2017 chegouse a 45.450 MWh, mentres que hoxe, 12 de agosto, o consumo máximo é de 33.600 MWh e o mínimo de 24.000 MWh. Pero tan sorprendente, e tamén contraditorio, é o feito de que no mercado marxinalista do pool, o prezo máximo non o  marquen as centrais de ciclo combinado que funcionan con gas natural, senón as centrais hidroeléctricas, que teñen custes de produción moi baixos; unha auténtica perversión do sistema, todo moi legal, pero perverso.

Cales son as causas desta suba desproporcionada da luz? A que intereses responde? Pois examinemos opcións; unha posibilidade sería forzar o traslado do mercado regulado, o máis protexido a longo prazo pero o primeiro en sufrir estas variacións, ao mercado libre, auténtica lei da selva onde se moven moi ben as comercializadoras das eléctricas; outra sería demostrar que o prezo da luz pode marcalo calquera tecnoloxía, non precisamente á de máis custes de produción e desmentir, polo tanto, os chamados “beneficios caídos do ceo” que reciben as hidroeléctricas e as nucleares.

Pero a pregunta máis importante e de maior interese é como se pode solucionar esta situación, cuestión que precisa de varias respostas:

- Eliminar o mercado marxinalista, por moito que guste en Europa, xa que as diferentes tecnoloxías de xeración deben ter unha retribución en relación con seus custes reais de produción, non un mercado especulativo.

- Limpar do recibo eléctrico os cargos que non son propios do sistema eléctrico, singularidade moi do Estado Español, como son as extra-peninsulares e as primas ás renovábeis, partidas deben pasar aos Orzamentos do Estado, o que sería máis xusto socialmente.

- Baixada impositiva, coa referencia do modelo portugués, cun IVE moi baixo a un primeiro tramo de consumo mínimo, e non unha fiscalidade regresiva como no recibo eléctrico español.

- Creación da Empresa Pública Galega de Enerxía, como propuxo a CIG nunha ILP, constituíndose inicialmente cos activos das centrais hidráulicas con concesión vencida (Galiza xera o 25% da produción hidráulica do Estado), e, demandando o aproveitamento eólico para esta empresa pública. Gobernemos nós os nosos recursos.

- Tarifa Eléctrica Galega, como compensación polo exceso de xeración eléctrica en computo anual, dun 30% aproximadamente, e polo impacto que ten no noso País, xa que máis do 80% dos concellos galegos teñen algunha central de xeración, o que, xunto coas liñas de evacuación, condicionan e limitan a ordenación territorial.

O que non ten discusión algunha é que as principais empresas eléctricas tiveron un beneficio conxunto duns 15 millóns de euros diarios no 2020, e eles son os auténticos protagonistas do funcionamento do sector, xa que até de agora os diferentes Gobernos centrais só lexislaron para favorecelos. Pois iso, a luz sobe porque queren e lles deixan.

comentarios