Opinión

Unha hipótese a considerar

Hai quen di que a sostida agresión norteamericana a Rusia a través de Ucraína ten como obxectivo a súa destrución como potencia e o seu desmembramento en pequenas nacións.

Tamén se di que o obxectivo final de toda a operación é a República Popular China. Lembrábao Atilio Borón con moita claridade: eles van por China.

Eu, pola miña banda, quero anotar, para que vostedes o consideren, a posibilidade de que o obxectivo real estea moito máis próximo. Quero dicir, que sexa a propia Europa.  Para terminar de dobregala e quitarlle a alma, definitivamente. E de rematar así o longo proceso de doma e castración a que os EEUU viñeron someténdoa desde finais da segunda guerra mundial.

Todo apunta, ao meu xuízo, nese sentido. Control militar permanente de Europa. Control ideolóxico e cultural. Control diplomático e político. Reafirmación por parte de EEUU, e aceptación por parte de Europa, da súa relación como protector e protectorado. En definitiva: submisión total. Para erradicar por sempre toda idea de independencia nas súas nacións e de emancipación nos seus diversos pobos. E mesmo, e sobre todo, para eliminar a posibilidade de que toda ela en conxunto, poida converterse en bloque xeopolítico con personalidade propia.

Cal sería o sentido de todo isto? Atención á seguinte hipótese.

Os EEUU, en conciencia da súa declinación global,  poderían ter chegado á conclusión de que xa non é viable un mundo unipolar onde eles tivesen o papel hexemónico.  Visto o cal, estarían a redeseñar o mundo para convertelo en dúas zonas claramente diferenciadas, como se fosen dous planetas distintos, separados entre si por fronteiras quentes e nunha guerra fría interminable que duraría séculos. Cunha coexistencia aceptada, pero en permanente tensión, escasa convivencia real e pouco intercambio.

Repito. Dous planetas. Un, que sería Occidente, rexido por eles e que estaría conformado pola autonomeada comunidade internacional, cunha Africa desarticulada, como terra de ninguén, e o outro, xa sabemos, o resto das comunidades e nacións, cara ao Indico e o Pacífico.

Se este fose o panorama, aceptado pero non recoñecido, todo o demais sería un enorme teatro para marcar os límites desa tensa realidade. Dous universos terreais claramente delimitados. O do imperio gringo, como destino manifesto, e polo outro lado o da humanidade, que é maioría.

De maneira que se isto é así, cóidate moito, Europa. A lenta e tenaz lobotomía a longo prazo á que te viñeron sometendo está a funcionar. Xa deixaches de ser. E aos poucos irás perdendo ata a memoria de ti mesma. Tanto nadar para morrer na beira.

E cóidate moito ti tamén América Latina. E fíncate moi ben no legado da túa propia historia insurxente. Porque ti es a peza que podería botar por terra esta estraña visión dun mundo partido en dous.

Comentarios