Opinión

'Xuntos' e máis lonxe

[Alberte Mera]

O candidato do PP á Presidencia da Xunta da Galiza reuniuse onte con emigrantes retornados nun acto de corte electoral. "A nosa historia non se entende sen os galegos na diáspora. Nunca se esqueceron da súa terra e sempre creron nela", dixeron no PP. O certo é que as galegas e galegos exiliados e ou emigrados teñen feito máis polo país que outros, como o señor Rueda, que deixa unha Galiza máis cativa da que atopou. De escravos en Cuba levados por tiranos como o negreiro Urbano Feixoo á migración pola fame ou o exilio para salvar a vida, tiveron que marchar da Galiza.

Mais falando de migración, do que o presidente en funcións non está a falar é das galegas e galegos que tiveron que emigrar desde que o PP goberna na Xunta debido á falta de oportunidades na terra, sen traballo, sen posibilidade de emanciparse e de crecer aquí. Tanto é así que a Galiza perdeu máis de 92.572 habitantes desde a chegada de Alberto Núñez Feixoo á Xunta. Amósano as cifras do Instituto Galego de Estatística. Se o país contaba con 2.796.089 habitantes en 2009, agora estase en 2.703.517 residentes. E mentres, a poboación do Estado sobe respecto á de 2009. En fin, que ben podería o señor Rueda facer caso á Familia Caamagno, que cando souberon que Rueda recuperaba o 'Xuntos' de Juan Pardo dixeron "Non entenderon nada de nada". E é que a emigración fainos estar lonxe cando queremos estar xuntas e xuntos.

Comentarios