Opinión

Xenocidio

[María Obelleiro]

Xenocidio é o que está a practicar o Estado de Israel contra o pobo palestino. Non ten outro nome. O bombardeo perpetrado polo Exército israelí contra un hospital de Gaza a última hora da tarde de onte, cando estabamos fechando a edición, demostra a vontade de exterminio. Tamén as palabras cargadas de odio e vinganza do ministro de Seguridade israelí ao pouco de coñecerse a noticia: “Mentres Hamás non libere os reféns que ten nas súas mans, o único que necesita entrar en Gaza son centos de toneladas de explosivos da Forza Aérea, nin un gramo de axuda humanitaria”. O contexto, xa antes do bombardeo do hospital, era estarrecedor, sen apenas auga potábel nin electricidade, segundo ONG que permanecen en Gaza como Médicos sen Fronteiras.

Centros hospitalarios de Gaza viraran en refuxio para centros de persoas que trataban de salvarse do ataque furibundo do Exército israelí nos últimos días, pois os equipamentos médicos están protexidos e, de feito, bombardealas representa unha violación do dereito internacional humanitario. Mais ao sionismo pouco lle importa.

O Estado de Israel seguirá gozando de impunidade. O propio presidente dos EUA, Joe Biden, anunciou para hoxe unha visita a Benjamin Netanyahu. Semella un “premio” por atacar escolas da ONU e hospitais. E, mentres, a UE segue sen condenar o acontecido.

Comentarios