Opinión

Xa é tarde

[María Obelleiro]

O pasado 2 de agosto foi o Día da Sobrecapacidade da Terra, é dicir, en pouco máis de 200 xornadas acabamos cos recursos naturais dispoñíbeis para os 365 días do ano. Isto significa que ao planeta xa non lle resta saldo para 2023 e que a súa conta entrou en números vermellos.

Os medios de comunicación replicamos informacións que apuntan ao acelerado cambio climático; que dan conta das vagas de calor que, no futuro, serán repetidas e máis intensas; que a temperatura do mar, en constante ascenso, provoca a mortaldade de especies autóctonas e a súa substitución por outras características de climas máis cálidos... Deforestación, incendios de grandes dimensións, seca... Semella unha apocalipse, mais camiñamos, sen freo, cara a un escenario que xa non se pode reverter, mais si atenuar.

Está nas mans dos poderes públicos, das empresas e nas nosas, como particulares, diminuír o impacto dun cambio climático que vai mudar a paisaxe, a economía e a nosa forma de vida, tendo en conta, ademais, que as mudanzas de temperatura impactan na saúde (desde xuño, morreron por causas agravadas pola calor 81 persoas).

Da Galiza verde e atlántica, pasaremos a unha Galiza cunha fisionomía diferente en que predominarán os ocres, con clima mediterráneo. Que imos cara a este contexto non ten dúbida, falta saber cando se chegará. Actuamos?

Comentarios