Opinión

Vivenda des-protexida

[Alberte Mera]

En medio dunha alza de custos da vivenda que dificultan o dereito ao acceso á mesma, que impiden chegar a fin de mes ás maiorías sociais e fan unha quimeira a emancipación da mocidade, a Xunta da Galiza opta por revisar á alza os prezos máximos de venda e aluguer da vivenda protexida.

Trátase ademais da segunda suba en dous anos, repetir, por que non? Tras a decisión anunciada por Rueda hai escasos meses de favorecer que se habiliten baixos comerciais para seren transformados en vivendas, agora o Diario Oficial da Galiza comunica que a suba do prezo da vivenda protexida será de entre 87 e 142 euros o metro cadrado, segundo réxime e localización. No réxime especial -para persoas con menos recursos- o prezo será de 1.620 euros o metro cadrado (120 euros máis) en zona de prezo máximo, de 1.431 en zona 1 (aumenta 106 euros) e de 1.172 (87 euros maís) en zona 2.

E así, vemos unha vez máis, como o Goberno galego incide nas políticas ultraliberais que reducen os impostos ás grandes fortunas para subir os prezos que afrontas as maiorías sociais e, neste caso, as persoas con menos recursos, toda vez, non esquezamos, o Executivo que preside Alfonso Rueda decidiu eliminar a Tarxeta Básica da Xunta da Galiza que achegaba fondos ás persoas con menor nivel de renda para axudala coa compra de produtos básicos de hixiene e alimentación.

Comentarios