Opinión

A vinganza non é política

[Xoán Costa]

Gaza significa “cidade amurallada”. E amurallada segue esa faixa de terra de superficie similar á do concello de Lugo e habitada por algo máis de 2 millóns de persoas; rodeada por unha barreira de 65 Km de lonxitude que conta cun valado subterráneo con sensores, outro sobre rasante e unha barreira marítima, equipada con cámaras, sensores e radares.

E nada diso foi suficiente para impedir as incursións de Hamás en territorio israelí e as matanzas que tiveron lugar. Case unha semana despois dos atentados do 7 de outubro e dos ataques lanzados na Faixa de Gaza por Israel, cando as familias israelís seguen contando as súas mortes; cando os 2 millóns de habitantes da Faixa de Gaza sofren un diluvio de lume, xa non teñen auga nin comida e non poden fuxir das murallas que os aprisionan, son moitas as voces que denuncian as matanzas cometidas por Hamás pero tamén as que sinalan que todo isto podería terse evitado se a política de Israel fose diferente e se se cumprisen as resolucións da ONU.

Netanyahu, no que semella unha releitura do Salmo 83, advertiu de que Hamás -máis ben debería dicer Gaza-, "pagará un prezo sen precedentes" A vinganza poderá ser humana, condición, a de humanos, que o ministro de defensa Yoav Gallant nega ás persoas que habitan Gaza, mais non pode ser nunca unha forma de facer política.

Comentarios