Opinión

De Valencia a Tenerife

[Alberte Mera]

Coa inflación disparada e o país ás portas dunha crise económica polo encarecemento dos prezos dos produtos máis esenciais do día a día, o presidente do Goberno galego emprende unha viaxe polo Estado español, co obxectivo de erguer un Partido Popular en horas baixas. Semella pois que a prioridade de Alberto Núñez Feixoo é o seu partido e non "Galiza, Galiza, Galiza". É lexítimo, mais nos tempos duros é cando un país máis precisa dun liderado que agora non ten presente.

Valencia, a terra de Rita Barberá (reivindicada nos últimos días por Isabel Díaz Ayuso na Xunta Directiva do PP estatal) e epicentro xunto a Galiza das tramas corruptas que sacudiron a política nas últimas décadas foi o escenarios escollido por Alberto Núñez Feixoo para dar inicio á súa campaña 'Preparados', coa que se presenta, como único candidato, para presidir o PP estatal.

Hoxe viaxa a Tenerife, mentres gobernará a Galiza por teléfono, apuntou. Moitas veces foi sinalado por representantes da esquerda estatal como perfil centrado e mesmo como a á progresista do Partido Popular. Unha imaxe que se viu abaixo nos últimos días, após dar luz verde ao pacto do seu partido coa ultradereita para gobernar en Castela e León. É unha dura carta de presentación se o que desexar for consagrar un perfil público de centro.

Comentarios