Opinión

Un disparate

[María Obelleiro]

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, anunciou onte algo que, anteriormente, Mariano Raxoi e José Manuel Aznar prometeran, sen atreverse a implementar: unha selectividade única para o conxunto do Estado español. Así, sinalou que as autonomías gobernadas polo PP impulsarán unha ABAU na que materias, contidos e criterios de avaliacións sexan comúns. Unha auténtica barbaridade tendo en conta que as comunidades autónomas desenvolven o currículo das etapas educativas, é dicir, o Ministerio dita os reais decretos de ordenación e ensinanzas mínimas e a Consellaría fai o propio cos currículos, adaptados á súa realidade.

Non resulta estraño que Feixoo, que na súa etapa á fronte da Xunta da Galiza contribuíu a españolizar o ensino galego -a comezar polo tan pre- xudicial decreto 79/2010 de 20 de maio, de plurilingüismo, que prohibe o galego en materias como as Matemáticas, a Física ou a Química-, propoña agora eliminar Lingua Galega e Literatura, por pór un exemplo, do temario das probas que dan acceso á Universidade, porque entendemos que non vai estender o exame de galego ás 10 comunidades autónomas ás que se referiu.

O que se precisa é unha lei propia de Educación —Euskadi e Catalunya contan con cadansúa— e promover que o alumnado coñeza ben o seu país, en especial, a historia da Galiza. Así, en lugar de practicar o autoodio como Feixoo, estarían orgullosos da Galiza.

Comentarios