Opinión

Ultras españois

[María Obelleiro]

Cando o Goberno galego non só se inhibe á hora de promover o idioma propio da Galiza, senón que o combate, acontece o que presenciamos onte: unha organización españolista coloca nun valado publicitario unha mensaxe ofensiva que mesmo atenta contra a legalidade vixente ao deturpar a toponimia. Tampouco non sorprende sabendo quen se atopa á cabeza da Xunta da Galiza, un señor que participou na manifestación de 2009 contraria ao galego promovida, precisamente, por unha organización ligada á que pagou o cartaz publicitario en Sanxenxo. Alfonso Rueda foi un dos cargos do PP máis belixerantes contra a lingua e que máis se afanaron en usar o falso discurso da imposición.

Ao PP non lle molesta a deturpación do topónimo legal Sanxenxo como tampouco lle molesta a deturpación da Toxa. De feito, tanto Feixoo como Rueda lexitimaron coa súa intervención o foro económico ultraliberal que cada ano decorre na illa do Grove incumprindo a xa de por si cativa lexislación en materia lingüística. Séntese cómodo o PP neste papel pois, como é sabido, comparte vasos comunicantes co ultraespañolismo que representa Vox. Non por acaso vemos cada vez máis cargos institucionais falando español no exercicio das súas funcións. Imos permitir ese ‘hooliganismo’ contrario á nosa identidade como galegas e galegos? Espero que non.

Comentarios