luns 30/11/20

As últimas, as maiores

[María Obelleiro]

Semella que a vida dos maiores (non utilizaremos o posesivo “nosos”, que infantiliza e resta autonomía) vale menos que a do resto. Así se deduce do desleixo do Goberno galego á hora de velar por eles. Malia as graves informacións que se foron coñecendo nos últimos meses, a Xunta da Galiza continúa sen intervir todas as residencias de titularidade privada e só o fai cando xorde un brote moi masivo. Porén, os números aí están e indican que a inmensa maioría dos surtos de coronavirus e os falecementos vinculados á Covid-19 decorren en centros residenciais privados.

A carencia de medios e, sobre todo, de persoal é un dos principais factores que explican que o 99% das mortes desencadeadas polo novo coronavirus en residencias teñan relación con xeriátricos privados. As deficiencias non son novas. Como revelara Nós Diario no seu día, o Consello de Contas xa informara en 2017 da falla de medios humanos nos centros privados e do incumprimento das condicións contractuais. E puña de manifesto que as actas de Inspección revelaban que non se emendaran as eivas sinaladas en visitas anteriores. A responsabilidade última é do Goberno galego.

comentarios