Opinión

Tripas e cagallas

[Xoán Costa]

Ten razón o conselleiro do Mar cando declara que as tripas dos peixes non se comen. Ademais, retrucando o dito de que o que sobe baixa o Sr. Vilares conclúe, en referencia á posibilidade de os peixes comeren os pellets vertidos ao mar,  que “entran por onde entran e saen por onde saen”.

Lonxe de min discutir as interpretacións do conselleiro sobre o funcionamento do sistema dixestivo dos peixes. Ca! Fronte á súa formación na ciencia veterinaria eu apenas distingo unha xarda dunha sardiña! Mais, ben pensado, que non comamos tripas de peixe non quere dicer que os peixes grandes -os do mar, digo- non coman os pequenos, con tripa e todo, e esas boliñas, como as definiu Rueda, acaban finalmente saíndo do peixe grande por onde teñen que saír.

Señor conselleiro, só unha cousa lle restou por dicer: que eses microplásticos cando entran son pellets, ou granulados que propón a RAG como se fose un sobre de Nescafé, e cando saen son cagallas ambientalmente prexudicias, non como as dunha cabra ou as dun coello que as podemos usar para estercar as leitugas ou as cebolas. Señor conselleiro, pouco importa que non comamos as tripas dos peixes se temos que apandar coas cagallas dun sistema que só procura beneficios sen importar para nada a destrución e a contaminación planetaria e que ademais nos rouba as entrañas.

Comentarios