Opinión

Telepredicación e crises

[Alberte Mera]

Dous días antes de Feixoo facer un mitin cunha telepredicadora evanxelista, Nós Diario informaba sobre a persecución das persoas LGBT que promove a parte fundamentalista dese movemento relixioso, exportada desde os Estados Unidos a América Latina e a África. Ultras que tiveron maior soa ao seren fulcrais na vitoria de Bolsonaro e no intento de golpe contra Lula. E ese camiño do “Feixoo moderado” —alcumado así pola política e a prensa madrileña cando presidía Galiza— incluíu tamén a abstención á moción de censura de Vox no Congreso español —que na súa edición anterior contara co ‘non’ de Casado—, sendo a Cámara Baixa un festexo cheo de vivas á unidade de España e á negación dos pobos e das persoas. Este camiño do PP tamén sitúa un presidente galego ao servizo dos intereses dunha minoría —a da poboación máis adiñeirada—. Rueda disponse a recorrer o imposto ás grandes fortunas, toda vez que anunciou unha empresa "público-privada" para inzar Galiza de máis eólicos que, ao final, tras ser preguntado por este xornal, matizou que non sabe se será pública. Fonte á crise hai dúas saídas: protexer a poboación con servizos públicos e políticas autocentradas na Galiza, ou situarse na dereita máis excluínte que busca engordar os beneficios das grandes fortunas e esquece as maiorías sociais. En San Caetano parece que xa escolleron.

Comentarios