Opinión

Sorrisos e lágrimas

[Xoán Costa]

Con este título, tradución da versión española Sonrisas y lágrimas, emitiu en 1992 a TVG o filme orixinalmente denominado The Sound of Music. Trinta anos despois da estrea na TVG do filme dirixido por Robert Wise e estreado en 1965 na Galiza en versión española, o presidente Rueda protagoniza unha nova versión daquel musical refeito en filme que conta unha historia familiar, de final feliz e ambiente nazi, que transcorre na Austria de 1938.

SORRISOS. Vídeo de PP. Rueda conduce un autobús co lema “Galiza non para” por unha estrada recta que discorre por unha planicie verde, con Combo Dominicano e cameo de Mariano Raxoi incluídos.

LÁGRIMAS. Xa é 2024. Rueda presenta en Compostela a súa candidatura á Presidencia da Xunta con especial lembranza á familia. Bágoas. Eu non sei se é algo propio dos Presidentes da Xunta do Partido Popular, mais os tres derradeiros teñen en común unha alta capacidade para esbagullar.

O presidente Fraga bagoxaba en cada instante. O presidente Feixoo esbagoaba tamén en certos actos, sendo especialmente visíbel o da toma de posesión de 2020. E, agora, chega o presidente Rueda bagullando ao tempo que lle augura a Feixoo a presidencia dunha España reconquistada desde a Galiza após o 18-F.

“Galiza non para”. Certo. Non para de perder postos no ranking do benestar. Eis o The Sound of Music, o verdadeiro Son da Música.

Comentarios