Opinión

#Sermos230: O saqueo do aforro galego

O ingreso en prisión dos directivos da entidade que resultou da fusión das dúas caixas galegas –a imaxe da entrada na Lama e en Soto del Real segue a ser unha incógnita- debe servir para botar luz sobre o desfalco que sufrimos as galegas e os galegos. Unha estafa que acabou coa desaparición do sistema financeiro galego, que provocou un resgate de 9.000 millóns de euros (para nos facer unha idea, o orzamento da Xunta para 2017) e que supuxo a venda das caixas a un prezo de saldo.

O Goberno de Feijóo inhibiuse de tutelar o proceso cando tiña un representante na comisión de control cuxa función pasaba por vixiar a actuación do Consello de Administración. Aliás, PP e PSOE introduciron unha modificación na Lei de Caixas que lles deu un tempo extra aos directivos das extintas caixas ao lles permitir manterse no cargo.

Os obxectivos da lei deberían pasar pola blindaxe e defensa dos intereses do país; por evitar a absorción foránea; por reforzar a supervisión pública e por democratizar os órganos de dirección. Nada se fixo ao respeito. Aínda agora estamos a sufrir as consecuencias das axudas estatais a diferentes entidades (sempre vía recortes ao pobo) e un poder máis centralizado. O desexábel: unha banca pública que reverta na economía produtiva e faga valer o aforro galego para que non marche fóra do país.

Comentarios