Opinión

Rueda non ve

[Xoán Costa]

Non teman. Sabemos que o presidente non ten problemas oculares. E desexamos que continúe así moitos anos. Mais as declaracións que el fai e os titulares de prensa que podemos ler xustifican este título. Rueda non ve necesario formar máis especialistas en Oncoloxía ou en Otorrinolaringoloxía; tampouco ve necesario intervir na saturación das urxencias, culpando da situación á gripe por se ter adiantado e non dar aviso. Rueda non ve, mais non por iso deixa de dar paus de cego en asuntos como a construción de vivenda para aluguer social, a política lingüística e cultural, o transporte ou as eólicas. Rueda non ve a tranca no ollo propio mais ve ás mil marabillas o argueiro no ollo alleo.

Na aldea da Boavista (Ferreiros, O Pino) seica houbo un cego, polos anos trinta do século pasado, que andaba polas feiras cantando e vendendo os seus cantares. Era coñecido como o Cego da Boavista, ironías que permite a toponimia. Coma o Cego da Boavista, Rueda vende incríbeis historias de medo para un público que non quere ver. Sería conveniente reler o que Saramago escrebe no Ensaio sobre a Cegueira: “Por que foi que cegámos, Não sei, talvez um dia se chegue a conhecer a razão, Queres que te diga o que penso, Diz, Penso que não cegámos, penso que estamos cegos, Cegos que veem, Cegos que, vendo, não veem”.

Comentarios