Opinión

Rueda, de último

[Alberte Mera]

Á última quere estar o presidente do Executivo galego e candidato do Partido Popular a presidir Galiza, Alfonso Rueda, que adoita presumir en campaña electoral de moto e chupa, con iso de que a "Galiza vai sobre rodas", mais as rodas deben ter furados até os parches que lle foron colandon estes anos. De querer estar á última a pór Galiza de última. Como informa este xornal hoxe, o Executivo de Alfonso Rueda é o Goberno autonómico que menos inviste en dependencia. A contía das prestacións nesta materia atópanse na Galiza á cola do Estado. O noso país de último, que non á última. As cifras do Imserso mostran que as achegas a unha persoa dependente para que poida afrontar os custos dun asistente persoal estiveron no primeiro trimestre de 2023 até 62,8 euros por baixo da media estatal. Onte transcendía que a Galiza acumula atrasos de un ano para conseguir a valoración do grao de discapacidade e, como hoxe tamén poden nestas páxinas, as listas de espera estruturais incrementáronse en máis de 10.000 persoas na última década. Galiza á última: o Goberno galego é, xunto ao Madrid de Isabel Díaz Ayuso, o que menos inviste no Estado en servizos públicos, que engloba ensino, sanidade e servizos sociais. Os datos son públicos, da Airef, órgano independente creado polo Estado seguindo as directrices da Comisión Europea. Galiza ten potencial e dereito para estar de primeira e non de última. 

Comentarios