Opinión

Reforma laboral e laranxas

[Alberte Mera]

Algunhas persoas quedaron "defraudadas" cando Alberto Núñez Feixoo chegou a Madrid para dirixir o PP español. Deixaron entón, ao ouviren os seus postulados, de cualificalo como "bon xestor", "centrista" ou "home de Estado". A obediencia mediática ao poder é o que ten, arroupa, moldea e transmite imaxes ás veces moi distintas da realidade, até que son ouvidas ao vivo. Porén, a ultraexposición pública "a peito descuberto" de precampaña non está sentando ben a Feixoo, que alén de ver xa lonxe a súa imaxe de "moderado" vese agora envolto en erros e contradicións. Ao "como poden valer 0,12 céntimos un kilo de laranxas" que exclamou en prime time -non debe ir polo mercado desde  as pesetas- proseguiulle onte unha paradoxal afirmación. Dixo que se chega á Moncloa manterá "o tronco" da reforma laboral de Pedro Sánchez e Yolanda Díaz. Pese a que o PP votou en contra desta reforma pactada con UXT, CCOO e a patronal, agora Feixoo di que se trata "substancialmente" dunha “boa reforma" que conta co consenso dos axentes sociais, algo que ve "moi importante". "É a reforma laboral do PP con algúns axustes", sostivo. Alén deste xiro, Feixoo vén confirmar o que, efectivamente, estamos a ver: despedir segue hoxe a ser tan barato como coas reformas de Raxoi (non se recuperan os 45 días de indemnización por ano traballado) e consolídase a parcialidade no emprego.

Comentarios