Opinión

Reboiras

[Alberte Mera]

Agosto bañado no sangue de galegas e galegos que foron asasinados e torturados a mans do franquismo. Un pobo que sufriu a perda polo fusilamento e o exilio interior e exterior das persoas que máis amaban a súa terra e que foron consecuentes cos seus ideais de liberdade e de progreso para a Galiza.

Hoxe, hai 48 anos a Policía do réxime franquista asasinaba o militante nacionalista da Unión do Povo Galego (UPG) Xosé Ramón Reboiras Noia en Ferrol. Era 12 de agosto de 1975 e o ditador agonizaba, máis lonxe do relato dun tardofranquismo amábel, Franco morreu da mesma forma en que chegou ao poder, asasinando.

Non foi Reboiras o único, días despois mataron Humberto Baena e Sánchez Bravo e, como hoxe recolle Nós Diario, a represión continuou mesmo co ditador morto e a transición en auxe: Marisa Vázquez, Manuel de Remesar, Xosé María Brañas e o finado Xan López 'Lito' foron apresados naquel agosto de 1975 e non puideron ver a luz da liberdade até o ano 77.  

Antes, no 36, Alexandre Bóveda foi fusilado por servir á democracia e á Galiza, simbolizando o seu asasinato, xunto ao de Reboiras, toda unha estela de violencia contra o pobo galego durante décadas de españolismo e fascismo. E nestes tempos en que a dereita e a ultradereita españolas teñen lanzado discursos contra a memoria galega, non cabe máis que traer Reboiras e Bóbeda ao presente como símbolos de redención da Galiza.

Comentarios