Opinión

E a quen lle importa?

[Alberte Mera]

Pois recorremos ao clásico de Alaska para facer unha pregunta. A quen lle importa o uso do galego? Afortunadamente son milleiros os galegos e as galegas que coidan, protexen e empregan o idioma propio para garantirlle futuro, con orgullo do país en que viven.

Mais hai alguén a quen non lle importa, e ese, polas súas palabras, é quen debera ser o máximo garante da defensa do idioma propio e da normalización lingüística, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. "Como presidente da Xunta, o que me importa é iso [os miles de millóns que, asegura Reuda, está negociando o Goberno estatal en funcións cos independentistas] e non o idioma en que se fale no Congreso".

Di Rueda que "non son as circunstancias en ningún caso" para dar o debate sobre a oficialidade do galego na Cámara española. "Hai cuestións moito máis importantes", di. Lamentábel, cada día que pasa o titular do Executivo galego vólvese máis galegófobo e rancio.

Cando na Unión Europea hai Estados dispostos a vetar o recoñecemento do galego como lingua oficial da UE, e cando o Goberno español vai priorizar o catalán sobre o galego á hora de oficializalo na UE, o que tiña que estar a facer o líder do Goberno galego é ser responsábel co país e defender por todos os medios posíbeis e mover todos os seus contactos políticos ao máis alto nivel para garantir que o galego non fique excluído na UE. Póñase as pilas.

Comentarios