Opinión

Que nos espera?

[María Obelleiro]

Comezou “A Campaña”, con maiúsculas. Desenvólvese no escenario máis aberto da última década e a posibilidade de cambio á fronte do Goberno galego é real. Todas enquisas mostran un PP á baixa, un BNG en alza e un PSdeG que resiste e incluso incrementa os seus apoios. A incógnita reside en se o PP perderá a maioría absoluta e, por tanto, Ana Pontón vira na primeira presidenta da Galiza, e en se haberá novos actores políticos no hemiciclo.

Todo apunta a que “A Campaña” será dura e sucia por parte do PP, que xa recibiu advertencias da Xunta Electoral, até o punto de ter que retirar varios vídeos de marcado carácter propagandístico, e que, desde o Goberno galego, se dedicou no último mes a anunciar máis de 500 millóns en axudas da Xunta da Galiza. Ademais de xogar á dispersión do voto á súa esquerda, prevese que os populares se dediquen a tratar de fomentar a desmobilización, só así se entende o adianto electoral facendo cadrar a precampaña co Nadal e a campaña co Entroido.

O fundamental é que a campaña se desenvolva en chave nacional, que se fale do que nos interesa ás galegas e galegos e non de leas partidarias nin de Madrid. Precisamente, desde alí aterrarán na Galiza este sábado os dirixentes dos partidos co centro de decisión en Madrid: Pedro Sánchez (PSOE), Alberto Núñez Feixoo (PP), Yolanda Díaz (Sumar) e Santiago Abascal (Vox).

Corre xa a conta atrás!

Comentarios