Opinión

Un presidente que humilla

[Xoán Costa]

Señor Rueda, as súas declaracións manifestando que como presidente da Xunta non lle importa o idioma que se fale no Congreso envergoñan, desafían e confunden. Poderían ser comprensíbeis se dixese que como individuo non sente esa preocupación, mais afirmar que como presidente non lle interesa o que para moitas galegas e galegas si é importante, inhabilítao para o cargo. Porque a min, como cidadán galego baixo o seu goberno, si me resulta de interese e si creo que a medida afonda nos nosos dereitos e na proxección exterior de Galiza. Imaxine vostede que o arcebispo de Compostela di que como arcebispo non lle importa nada o culto ao Apóstolo.

Sería un escándalo! Cando vostede, após a marcha de Feixoo, accede á Presidencia da Xunta di que se constitúe en representante de todos os galegos e galegas e que gobernará para toda a Galiza. “Seguirei gobernando tendo moi presentes os galegos de onte, no recordo; os de hoxe, na cabeza; e os de mañá, no corazón” afirma en maio de 2022. Pois ben se ve que non dixo verdade e as súas declaracións deshonran os galegos de onte; feren os de hoxe e vituperan os de mañá. Vostede, que desde 2009 non logrou -nin o intentou- ningunha competencia para a Galiza, fala do custo das negociacións cos cataláns! Os feitos descualifícano, as palabras humíllannos.

Comentarios