Opinión

PP, todo a estribor

[Xoán Costa]

O PP fai mudanzas na ponte de mando das súas galeras. Feixoo, noutrora garboso e marcial navegante baixo o dourado sol de Baiona e das Cíes, reafírmase como experto timonel. Ao seu lado Tellado, intrépido grumete, prepárase para amarrar Sánchez e todos os corsarios que o acompañan, ao duro banco dos galeotes, coa vista posta en axudar o seu capitán para virar o barco máis para estribor.

A manobra é perigosa pois con ela vanse adentrar definitivamente nas procelosas auguas agora mesmo navegadas por VOX e os remolcadores con que contan só coñecen o que é surcar as augas estancadas, desde o navegar tranquilo de Ayuso polo Parque do Retiro ao de Mañueco pola canle de Castela; nen López Miras surcando as augas do mar Menor,  nen Moreno Bonilla as de Doñana alcanzan o que é navegar.  Feixoo e Tellado saben o que é seguir unha rota e pescudar sinais no horizonte; inspiranse directamente nos grandes mariñeiros galegos, en Colón, en Paio Gomes Charinho ou mesmo nos discípulos do apóstolo que conseguiron facer navegar unha pedra en contra do mesmísimo principio de Arquímedes.

Grumete Tellado!- di a voz do capitán- hai que deixar atrás as columnas de Hércules e as súas amedrentadoras palabras de advertencia: Non Plus Ultra. O PP debe ser un partido Plus Ultra. Viramos todo a estribor

Comentarios