Opinión

O PP fai de avestruz

[María Obelleiro]

Na tarde de onte, tiñamos coñecemento de que o PP non enviaría ningún representante ao debate organizado pola RTVE, a tres, para o 14 de febreiro. Pontón e Besteiro xa confirmaran a súa presenza o mesmo día en que a RTVE daba a coñecer a súa proposta. De feito, foi o primeiro medio en anunciar un debate electoral. O PP, pola súa parte, renunciara a enviar o seu candidato a calquera cita que non decorrese na CRTVG e baixo as súas propias regras, mais a súa portavoz, Paula Prado, asegurara que habería representantes do partido nos debates aos que fosen convidados. Porén, tan só un día despois do tropezo de Rueda na CRTVG, o PP desbotou asistir ao debate da RTVE.

Por unha parte, non sorprende que tras a participación falida de Rueda nun debate no cal, en principio, ía sentirse na casa -todas e todos coñecemos que a Dirección da CRTVG actúa como se fose o Gabinete de Comunicación do PP-, o PP agoche a súa cabeza baixo a terra e non queira ficar en evidencia e exporse a perder aínda máis apoios na cita da RTVE. Mais, por outra parte, resulta un insulto ao conxunto da cidadanía furtala do dereito a coñecer a súa proposta programática. Di moito dos valores democráticos dun partido político evitar a confrontación de ideas e utilizar todo tipo de estratexias para blindar un candidato.

Comentarios